Un libro pouco habitual, tan doloroso coma necesario. Son as crónicas dunha viaxe, a do autor, Xosé Luís Santos Cabanas, e a súa compañeira, para ver o fillo, arrastrado polo espectáculo político construído arredor do que deron en chamar Resistencia Galega. Un libro que nos lembra —perante a impunidade dun sistema que precariza a liberdade propia de cada cidadán— que a revolución do cotián é a mellor forma de resistencia, e que fronte á violencia do Estado temos armas que, lonxe de disparar, vencellan os seres humanos: un activismo de xestos solidarios que racha os muros das cadeas e que, coa arquitectura colectiva dos afectos, constrúe de vagar, mais con firmeza, un espazo común de liberdade.
Será este venres, 9 de setembro, no C.S. Mádia Leva, en Lugo (rúa Serra dos Ancares, 18), ás 20.30 horas, e estarán, canda nós e o autor, a historiadora Alexandra Cabana, o poeta Xabier Cordal, tamén prologuista do libro, e o músico e escritor Xosé Antón Laxe Martiñán, que participa tamén no libro como epiloguista, e que fará unha breve intervención musical para a ocasión.