O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia rexeita a actual convocatoria de axudas do Ministerio de Educación para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo, na que se exclúen as psicólogas e psicólogos, nun criterio que resulta incomprensible.
O Consejo General de la Psicología, que agrupa a todos os colexios do Estado, presentou un recurso ante a devandita convocatoria. O obxectivo destas axudas é, de acordo coas propias bases, financiar unha "intervención psicoeducativa específica e profesional orientada a alumnos que amosen dificultades concretas de aprendizaxe vinculadas á presenza dalgún trastorno específico". Precisamente, o tratamento deste tipo de dificultades corresponde en concreto a psicólogos e psicólogas, que son quen teñen a competencia para abordar os trastornos e non simplemente implementar unha serie de pautas ou reeducar en casos que non están asociados a algún trastorno.
As competencias como profesionais da psicoloxía ciméntanse sobre coñecementos teórico-científicos e na práctica que abranguen a discapacidade, o trastorno de déficit de atención con hiperactividade e trastornos graves de conduta, todos eles perfís aos que se lle concede esta axuda estatal.
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia esixen ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte que se modifique esta convocatoria e se recoñeza a intervención dos titulados e tituladas en Psicoloxía, xa que se trata dos e das profesionais máis idóneos competencial e cualificativamente para o obxectivo que perseguen estas bolsas. Deste xeito, permitirase o mellor aproveitamento destas axudas por parte das persoas beneficiarias, como se veu realizando ata a actualidade.
Acceso á convocatoria: https://www.boe.es/boe/dias/2016/08/06/pdfs/BOE-B-2016-37709.pdf