En canto ao nivel de mobilizacións sociais en relación a poboación, Galiza situase na vangarda do estado español tras Euskal Herria e Catalunya. Se falamos por número de mobilizacións sociais, o propio ministerio de interior recoñece que Galiza é o terceira lugar do estado español con máis mobilizacións en relación a poboación. Pero igual ou máis importante co número de mobilizacións, é o seguimento e apoio as mesmas.
Se as manifestacións da Diada pola independencia, mobilizan en Catalunya a entre 1´5 e 2 millóns de persoas dun total de 7´5 millóns de habitantes, sendo as mobilizacións máis grandes en toda Europa na época actual. Na Galiza, as manifestacións obreiras das folgas xerais, chegan a mobilizar a 500.000 persoas dun total de 2´7 millóns de habitantes, entre tódalas manifestacións en cidades e vilas.
O pobo galego tamén lidera a mobilización social contra a LOMCE. O absentismo medio para as probas das reválidas é do 60%, as folgas xerais no ensino gozan dun seguimento do 80% e con manifestacións de 40.000-60.000 persoas nas grandes vilas, mobilizando ata 200.000 persoas ao longo de todo o país. Traballo inconmensurable da CIG-ensino, da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e dos colectivos estudantís como Erguer.
No tocante a defensa da sanidade o pobo galego tamén se mobiliza masivamente. A construción do Álvaro Cunqueiro, un dos máis descarados intentos da privatización da nosa sanidade, recibiu como resposta varios peches, protestas e manifestacións que chegaron ata o apoio de 200.000 persoas. Gran parte deste traballo de mobilización parte da plataforma SOS Sanidade.
En canto a mobilización obreira, Galiza é xunto con Asturias o lugar do estado español onde máis traballadores se mobilizan, cuns seguimentos das folgas xerais que se move entre o 85-90%, e con manifestacións que suman que ata 500.000 persoas no mesmo dia. Os seguimentos medios do estado sitúanse entre o 75-77%.
Galiza e xunto con Euskadi, o único lugar do estado onde un sindicato propio de clase como a CIG, é capaz de superar aos sindicatos españois lacaios da patronal, UGT e CCOO, obtendo por exemplo maioría absoluta en sectores tan importantes como o do ensino. Moi poucas mobilizacións sociais tiveron a capacidade para plantar cara as forzas represoras do estado, entre elas cóntanse as folgas do metal e dos mariñeiros galegos.
As manifestacións dos mariñeiros en contra da nova lei de acuicultura do PP, os parons do sector agro-gandeiro, as mobilizacións nacionais do dia da patria, as mobilizacións en defensa dos montes, en defensa da lingua, entre outras, tamén chegan a reunir a decenas de miles ou milleiros de persoas. Por non falar de todo o traballo cotiá que todos estes colectivos como a Organización Galega de Comunidades de Montes, Queremos Galego, a Mesa pola Normalización, ADEGA, Sindicato Labrego e outros realizan cada día en cada unha das nosas vilas e comarcas.
Aínda que non existen datos estatísticos para o conxunto do país, dende fai varios anos para acá, as redes de traballo cooperativo, os centros sociais autoxestionados, os colectivos culturais, os colectivos de memoria antifascista e de loita pola solidariedade internacionalista, consolídanse e incluso medran e espállanse polas bisbarras do país.
Outro dato importante é que o neofascismo esta completamente desarticulado na Galiza. Mentres os neonazis erguen negocios económicos, centros “sociais” e incluso gobernan algún concello en Madrid e Valencia; e mentres na Castela profunda os falanxistas teñen sedes en pobos de poucos milleiros de habitantes, organizando actos públicos sen problema, aquí grazas ao traballo da xente de esquerdas non se miran.
Este feito implica que na Galiza non hai apoio para posturas abertamente racistas, machistas ou homófobas, e cando son explicitamente violentas. Por desgraza noutros pobos do estado español, si prendeu este neofascismo, estilo Amencer Dourado, e aínda que de momento é algo minoritario o perigo é potencial, como se esta podendo observar en boa parte da Europa central e norte.
A pesar deste mellorable pero gran nivel de conciencia e mobilización social. Porque segue gobernando o PP na Galiza? Analicemos as causas.
Por un lado o PP esta ao servizo do gran capital. Polo tanto ao igual que o resto de partidos políticos capitalistas, goza dun apoio xigante do poder económico e mediático. Na Galiza o poder mediático do PP e case total. Ademais o PP ten sabido manter unha rede caciquil de amiguismos e enchufes herdada do franquismo. Esta rede vese favorecida na nosa terra polo enorme abandono do rural, provocada a súa vez por sufrirmos unha taxa emigratoria o triple de alta que a xa alarmante taxa de emigración media española.
Debido a crise demográfica e territorial, a lei electoral faise especialmente perniciosa para o noso país. O reparto de deputados por cada provincia provoca que na práctica o voto dunha persoa de Lugo ou Ourense valga o dobre que o voto dunha persoa de Pontevedra ou A Coruña. É dicir, xusto onde o PP ten o seu gran feudo, o seu voto vale dobre.
Ademais na Galiza, a dereita sempre se mantivo electoralmente indivisible, algo que non sucedeu nin sucede en case ningunha outra parte do estado español. Mentres tanto o espectro do centro-esquerda esta tremendamente dividido, e incluso desgastado en loitas internas irresponsábeis e difíciles de explicar, como sucedeu durante os meses pasados ao 25S no seo do PSOE e de Marea-Podemos.
Ten sentido establecer que un pobo ou sociedade é facha só por quen gaña as eleccións? Non, pois claro que non. Tratase dunha análise radicalmente simplista e errada. Por fortuna unha sociedade é moito máis do que se expresa mediante o voto nunha democracia falsa e manipulada como na que vivimos.
Cando nos comparamos electoralmente co resto do estado español en que nos baseamos para dicir que somos unha terra de fachas? O bipartidismo neoliberal por desgraza non gaña só na Galiza, senón que gaña no conxunto do estado español.
O PP a dereita nacionalista española, gañou gaña con maioría ou coa muleta de Ciudadanose, en sitios como Madrid, Valencia, Murcia ou as Castelás. E onde non gañou o PP, gañou o PSOE, CiU, PNV ou CC, é dicir o neoliberalismo progre nacionalista español ou a dereita nacionalista catalá, vasca ou canaria.
Acaso ten sentido dicir que Andalucía é de esquerdas porque historicamente o PSOE gañou cun 43% mentres o PP sacaba un 40%? Non, é unha estupidez.
Por desgraza, o capitalismo neoliberal, na súas versións, progres, democristiana ou fascitoides, é quen gobernou e de momento goberna, xa non senón en toda a Europa e gran parte do planeta. Preocupante a subida da extrema dereita fascista e neonazi en todo o centro e o norte de Europa, esas sociedades supostamente exemplares. Así pois en base a este análise incompleto, non só Galiza sería facha, senón que toda España e o conxunto do e practicamente toda Europa tamén o sería.
O 25S hai eleccións e o presidente amigo dos narcos pode caer da súa poltrona. A esquerda soberanista consecuente, a pesar de sabermos que a baralla esta trucada na loita electoral, e a pesar de sabermos das múltiples contradicións que implica o electoralismo dalgúns, estamos aportando o noso gran de area para que así sexa, pois non se pode tolerar máis desgoberno da dereita do PP.
Pero iso si, perda ou gañe estas eleccións o PP, Nós, os que berramos alto e claro que queremos transformar a nosa sociedade, os que traballamos dia a dia por un país soberano nun planeta xusto e sen guerras, seguiremos traballando exactamente igual, dia tras dia, no seo deste pobo, que un pobo que loitou e segue loitando.