Esta xornada que acollerá a sede do Colexio de Psicoloxía en Santiago de Compostela, participarán profesionais da atención primaria en Galicia que estean relacionados directa ou indirectamente coa psicoloxía clínica. A presentación do modelo catalán correrá por conta de Miguel Garriz Veiga, que exporá a experiencia como coordinador do ensaio clínico PsicAP en Barcelona, ademais de coordinar o Grupo de Traballo de Psicoloxía Clínica en Atención Primaria do Colexio Oficial de Psicoloxía de Cataluña. Cataluña é pioneira no Estado, onde no ano 2006 se crea o Programa de Soporte á Primaria, un dos obxectivos clave do Plan de Saúde de Cataluña 2011-2015, dentro do Plan Director de Saúde Mental e Adicións.
En Galicia, ao igual que na maioría das comunidades autónomas do conxunto do Estado, non existe a figura do psicólogo ou psicóloga nos dispositivos de Atención Primaria. A incorporación da psicoloxía dentro dos servizos de atención primaria é unha das máis antigas reivindicacións do COPG, xa que unha parte moi importante dos trastornos de saúde mental son atendidos nestas unidades e, neste sentido, a súa presenza neste nivel de atención suporía múltiples beneficios. Por unha banda, unha mellor calidade asistencial para as persoas usuarias, pero ademais, un aforro importante para as Administracións Públicas, tanto en prescricións médicas como en atención especializada, xa que futuras complicacións dos trastornos serían evitables neste primeiro nivel asistencial.