Publicidade

Diário Liberdade
Quarta, 21 Setembro 2016 15:49

65 peças e 19 países no Curtocircuíto compostelano

Avalie este item
(0 votos)
País: Galiza / Cultura/Música / Fonte: Curtocircuíto

Profesionais como Jonathan Rosenbaum, Miquel Martí Freixas, Chema Prado, Joao Nicolau e Fran Gayo formarán parte do xurado. Sergei Loznitsa e Abel Ferrara protagonizarán encontros co público do festival. O festival colabora coa asociación compostelá La Melona e repite colaboración con WOS na organización de concertos.

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine deu hoxe a coñecer os detalles da súa vindeira edición, que se celebrará en Compostela entre os días 3 e 9 de outubro. A imaxe desta edición é obra do ilustrador Roberto Massó, quen realizou, en colaboración co equipo do festival, unha imaxe de inspiración cósmica que toma como referencia "Os mundos distantes” de Bruno H. Bürgel. Massó, nado en Cáceres de familia galega, é un valor emerxente no eido da ilustración dentro da Península.

Ás habituais proxeccións no Teatro Principal e na sala NUMAX, concertos na Sala Capitol e actividades formativas no CGAC e o espazo Unitaria, únese este ano Riquela, unha sala de concertos recentemente inaugurada na rúa do Preguntoiro. Deste xeito, o festival continúa abríndose á cidade con diversas propostas de carácter multidisciplinar, onde a música, os live cinemas e os obradoiros acompañarán ao programa de proxeccións audiovisuais.

O número de películas inscritas a competición, 1.171 procedentes de 77 países, representan unha boa mostra da saúde do certame. O equipo de Curtocircuíto realizou unha escolma de 65 películas, de 19 nacionalidades diferentes, para participar nas categorías Radar, Explora, Penínsulas e Planeta GZ. Nesta edición obsérvase un incremento na porcentaxe de mulleres directoras na sección competitiva, alcanzando o 32.4%. En categorías como Planeta GZ esta porcentaxe increméntase ata o 48%.

Este ano, a sección Penínsulas pasa a ser competitiva, e a película gañadora estará cualificada automaticamente para os premios Goya. Unha selección que recolle seis das películas españolas máis destacadas da temporada, nun programa de 1 hora e 40 minutos de duración. O apartado Planeta GZ recolle unha escolma de películas representativas da heteroxénea escena audiovisual galega, con traballos de cineastas como Carla Andrade, Lucía Vilela, Eloy Domínguez, Xurxo Chirro ou Diana Toucedo.

Dentro da sección Radar, que presenta algúns dos traballos máis representativos do panorama internacional, poderanse ver os traballos de directores de relevancia internacional como Mark Rappaport, Erin Vassilopoulos, Gabriel Abrantes, Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval, ademais do galego Alberto Vázquez, quen presenta en Galicia o seu último traballo Decorado, recentemente proxectada no festival de Toronto. Na sección Explora presenta pezas que dilúen a idea convencional do cine mediante a exploración de sendas innovadoras, próximas ao cine de vangarda, tamén haberá presencia galega, cos traballos de Alberte Pagán (A fundamental error) e Helena Girón (co-directora xunto a Samuel Delgado de Montañas ardientes que vomitan fuego).

Ás proxeccións de filmes que optan a premio, engadiranse as presentacións profesionais e actividades.

Convidados de excepción

Dous convidados de excepción, o cineasta norteamericano Abel Ferrara e o documentalista ucraíno Sergei Loznitsa visitarán Compostela durante a vindeira edición de Curtocircuíto. Dúas personalidades de sona internacional, que chegan ao festival despois do seu paso por citas como Cannes, Venecia ou a Berlinale.

Abel Ferrara visitará Curtocircuíto en calidade de programador, realizando un programa especial para o festival compostelán no que se poderán ver algunhas das obras que considera fundamentais na súa formación como director. O norteamericano tamén protagonizará un encontro co público do festival no Teatro Principal da cidade, onde tamén presentará algunhas das pezas que dirixiu nos anos 70. Por outra banda, a retrospectiva deste ano está adicada a Sergei Loznitsa, matemático de formación, quen, despois de traballar no Instituto Cibernético de Kiev empezou a dirixir documentais con grande éxito en 1997. A retrospectiva de Lonznitsa ofrecerá ao público a rara oportunidade de realizar un percorrido pola súa exquisita filmografía.

Actividades formativas

Comprometidos coa formación, os obradoiros de Curtocircuíto contan cun protagonismo propio dentro da programación do festival. O CGAC acollerá tres obradoiros, impartidos por Jonathan Rosenbaum, Xabier Erkizia e Javi Álvarez.

O crítico norteamericano Jonathan Rosenbaum, quen visita Galicia por vez primeira, impartirá The Impossible Cinema un obradoiro no que se estudarán filmes que cuestionan os límites convencionais do cine. Xabier Erkizia será o encargado de impartir Sobre la música y los ruidos, reivindicando o valor do son como un vehículo de linguaxe e expresión en si mesmo que, tradicionalmente quedou supeditado á hexemonía da imaxe no ámbito cinematográfico.

O compostelán Javi Álvarez impartirá o seminario Todo va a ser diferente, sobre procesos de experimentación audiovisual, orientados a xerar recursos que podan integrarse na vida cotiá dos asistentes, partindo do uso de obxectos obsoletos, enxeñería doméstica, reciclaxe e circuit bending (modificación de xoguetes electrónicos). E, por último, UNITARIA acollerá un obradoiro para nenos e nenas enfocado a explorar e comprender a percepción do movemento dos nosos ollos a través da animación, que leva por título Xoguetes Ópticos. O cinema antes do cinema.

Concertos e live cinemas

A decimo terceira edición do festival presentará unha atención especial aos concertos e live cinemas. No apartado musical, a asociación compostelá La Melona, que ten como obxectivo ofrecer contidos novos, innovadores e de calidade, e funcionar como unha ponte coa cultura e os artistas de Portugal, presentará na sala Riquela unha noite de música, protagonizada polo grupo valenciano Siesta!, o DJ portugúes Dragão Inkomodo e o DJ compostelán La Isla del Tesoro. O artista compostelán Juanma LoDo presentará no Mercado de Abastos un espectáculo que busca romper a liña que separa o artista electrónico do público, convidándoo a descubrir o mundo que se atopa detrás da produción da música electrónica.

Ademais destas propostas, proximamente serán anunciados os dous concertos que Curtocircuíto realizará en colaboración con WOS; dous dos pratos fortes da programación musical desta edición.

Nos live cinemas, por outra banda, en actuación en vivo, os artistas visuais e sonoros explorarán as posibilidades expresivas da súa colaboración, cos cineastas construíndo películas en vivo ao tempo que os músicos que os acompañan crean unha banda sonora en directo.

Explorando a hibridación entre cine e música, chegaran dúas das propostas principais ao Teatro Principal compostelán: Lena Willikens e Sarah Szczesny presentarán Phantom Kino Ballet, o seu esperado novo espectáculo, un collage en vivo que combina música electrónica, sons, esculturas, teatro de marionetas e proxeccións. How to become nothing de The Legendary Tigerman e Pedro Maia amosará unha viaxe psicodélica polo deserto de California, onde Tigerman executa a banda sonora en directo mentres Pedro Maia manipula imaxes cinematográficas en tempo real.

Un live cinema será tamén o encargado de inaugurar o festival; concretamente a estrea en Galicia de Mecatrónica de Música Prepost, dúo formado por Fran Torres (Millonesdetrillones) e Pablo Peña (Pony Bravo, Fiera). Actuarán o 29 de setembro na Sala Capitol nun evento de entrada libre. Javi Álvarez, o home detrás de proxectos como Fluzo, Dúo Cobra ou Néboa presentará o seu último e personalísimo espectáculo Cando prácticas e non practicas na Sala Riquela, nunha banda sonora en directo para pezas de vídeo rexistradas en formatos magnéticos.

Xurados de prestixio

O crítico norteamericano Jonathan Rosenbaum, o realizador portugués Joao Nicolau e o ex-director da filmoteca española Chema Prado, serán os encargados de outorgar o premio da categoría Radar, dotado con 3.000€. O xurado da categoría Explora, premio dotado de 3.000€ conta co programador Miquel Martí Freixas, e os cineastas Pedro Maía e Ana Vaz. O premio á mellor película galega será decidido polo Director Artístico do Festival de Cine de Ourense, Fran Gayo, a xornalista Pilar Comesaña e o artista Javi Álvarez. As asociacións profesionais galegas de directores CREA, e a de guionistas, AGAG, premiarán á mellor dirección e ao mellor guión galego respectivamente. Completan as categorías do palmarés o Xurado da asociación de críticos CAMIRA; o Xurado Novo, composto por mozos cinéfilos do ámbito compostelán; o premio Criaturas, outorgado polo xurado infantil, e o premio do público, resultado das votacións dos asistentes ás proxeccións.

Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Doaçom de valor livre:

Microdoaçom de 3 euro:

Adicionar comentário

Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.
Aviso sobre Dados Pessoais: De conformidade com o estabelecido na Lei Orgánica 15/1999 de Proteçom de Dados de Caráter Pessoal, enviando o teu email estás conforme com a inclusom dos teus dados num arquivo da titularidade da AC Diário Liberdade. O fim desse arquivo é possibilitar a adequada gestom dos comentários. Possues os direitos de acesso, cancelamento, retificaçom e oposiçom desses dados, e podes exercé-los escrevendo para diarioliberdade@gmail.com, indicando no assunto do email "LOPD - Comentários".

Código de segurança
Atualizar

Publicidade

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759

O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar