A IX Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrarase este ano en 44 concellos de toda Galiza, e participarán un total de 56 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 7 concellos que organizan directamente esta actividade. Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e outros son grupos participantes no Proxecto Ríos. Tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta novena edición. A limpeza, que será o 2 de outubro, mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 44 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. A limpeza conta co financiamento da Confederación Hidrográfica Miño Sil, Augas de Galicia e o IET, e dos seguintes concellos: A Coruña, A Estrada, Allariz, Arzúa, Bande, Cambre, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño.
Para levar a cabo a actuación existe un protocolo de limpeza de ríos co fin de ofrecer unhas pautas sobre cómo se debe facer unha limpeza ecolóxica nos ecosistemas fluviais, que se pode descargar en PDF da web da limpeza. Tamén se agasallará aos/ás voluntarios/as con unhas camisolas co lema da limpeza. Actualizouse a páxina web para a limpeza http://limpeza.proxectorios.org/ onde se especifica que é a limpeza, onde se celebrará, os contactos dos/das coordenadores/as, e as entidades participantes, promotoras e colaboradoras.