A citada prolongación do alto risco de incendios forestais fai que todos os medios continúen activos durante o período establecido, agás o persoal do reforzo do verán, traballadores e traballadoras contratados directamente pola Consellería do Medio Rural e cunha duración contractual de 3 meses.
O cese da actividade do persoal de reforzo de verán fai que a partires do día 1 de outubro, o operativo contra incendios non estea en pleno rendemento, contradicindo polo tanto o dito polo vicepresidente da Xunta de Galiza Alfonso Rueda en días pasados, cando publicamente asegurou “que o Goberno Galego ía mantér activo o operativo especial despregado contra os incendios forestais mentres haxa risco”.
Pois ben, continúa o alto risco polo que dende a CIG-Autonómica denuncian "a falsidade das declaracións do vicepresidente da Xunta de Galiza, declaracións que fixo en plena campaña electoral con intención de arrimar votos para o seu carón e dando falsas expectativas ao persoal contratado no reforzo do verán".
Non só denuncian "o cinismo do vicepresidente da Xunta de Galiza, senón tamén aos propios dirixentes da Consellería do Medio Rural, onde en días pasados diante de traballadores do SPDCIF chegaron a manifestar que o persoal de reforzo do verán traballaría o mesmo tempo que os traballadores da empresa privada". Pois ben, o día 1 de outubro, o persoal da empresa Natutecnia continuará nos seus postos de traballo, namentres o persoal propio do SPDCIF será cesado automaticamente o día 30 de setembro.
Dende a CIG-Autonómica requiren á Consellería do Medio Rural a que habilite os orzamentos para que o persoal laboral do reforzo do verán (3 meses), traballadores e traballadoras contratados pola mesma Consellería do Medio Rural, continúen nos seus postos de traballo namentres se prolongue o período de alto risco de incendios forestais, cumprindo desta volta o expresado polo propio Vicepresidente da Xunta de Galiza.