O día 17 de maio é o Día das Letras Galegas, e desde a A.C. Almuinha sempre consideramos que, se ben a celebración dun día para a nosa lingua é un puro formalismo, inútil e absurdo se non vai acompañado de actuacións coherentes o resto do ano, si que é un bo momento para manifestar o apoio e compromiso coa lingua, visibilizar o orgullo de termos unha lingua propia, e declarar o noso anhelo dun futuro digno para o galego.
A continuación informamos das actividades organizadas:
- Xoves 12 de maio - Charla "Manuel María: Literatura e Compromiso coa Terra" a cargo de Marta Dacosta(Poeta e mestra de Lingua e Literatura Galega, forma parte d@s "Amigos e Amigas da Casa-Museo Manuel María). Comezará ás 20:30h. no Museo Manuel Torres de Marín.
- Venres 13 de maio - Cantos de Taberna co grupo Maravallada. Ás 21:00h. na Adega da Capeleira e ás 22:00h. na Taberna La Navarra, con entrada de balde.
- Sábado 14 de maio:
11:30h. Pasarrúas con Pousos da Area
12:30h. Acto Poético-Musical na Alameda Rosalía de Castro
· Lectura Colectiva de Poemas de Manuel María*
· Intervencións Musicais: Pousos da Area e Gharaboto
* Na lectura colectiva pode participar toda persoa que o desexe. Tan só pedimos que nolo comunique previamente para a organización do acto.
O POVO que deixa perder a súa palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular;
a que é unicamente súa,
está empobrecendo o mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.
MANUEL MARÍA
Breves apuntamentos de Marta Dacosta e das agrupacións musicais:
Marta Dacosta Alonso naceu en Vigo o 29 de setembro de 1966. Licenciada en 1989 en filoloxía galego-portuguesa. É profesora de lingua e literatura galegas no ensino medio. Moitos dos seus poemas foron publicados en revistas como Olisbos, Dorna, Festa da Palabra Silenciada, en diversas publicacións colectivas e antoloxías...
Aínda que na súa producción literaria destaca a poesía ten tamén publicado algúns ensaios sobre lingua e literatura.
Comeza a publicar en revistas como Congostra, Olisbos ou A Peneira, diario no que obtén o I premio de poesía xuvenil en 1986, ou Lúa nova, da Asociación Cultural Rosalía Castro de Cornellá, onde gañou o III premio Rosalía Castro.
O seu primeiro libro veu a luz en 1994, Crear o mar en Compostela, e desde entón ten publicado case unha decena de libros.
Recibiu numerosos premios como o Premio de Poesía O Grelo (1993), Premio Miguel González Garcés (1995), Premio de Poesía Martín Códax (1997), Accésit Premio Esquío de Poesía (1999), Premio Johán Carballeira de Poesía (2013) e o I Premio de Poesía Figurante (2013).
Na actualidade exerce como docente do ensino medio, adícase á actividade sindical na CIG, forma parte da directiva da AELG.
Maravallada é un grupo de música tradicional de Pontevedra. Son os organizadores, entre outras actividades, dos Cantos de Taberna de Pontevedra que este ano chegaron a súa quinta edición, e os Cantos de Reis nas prazas de Pontevedra na época do Nadal.
Pousos da Area son un grupo de música tradicional de Marín que se adica á recollida e interpretación de cantares e bailes tradicionais galegos, imparte cursos de diferentes instrumentos, de canto tradicional e de artesanía, como corte e confección e elaboración de colares. Son os organizadores do Serán Pousos da Area, que ten lugar en Marín e este ano cumpriu a súa terceira edición.
Gharaboto é unha asociación cultural e deportiva de Marín. Entre as súas actividades destacan a promoción dos xogos tradicionais e a música tradicional. Como agrupación musical son máis coñecidos como "Os de Marín".