As árbores medran xunto á igrexa do lugar de Ponte Ledesma, e dise que foron plantadas cando se acabou de construir a capela, alá polo 1735. A veciñanza comenta que foi un agasallo de comerciantes de aceite que traían o seu ouro líquido dende a zona de Ourense cara Compostela cruzando o Ulla pola ponte romana de 9 arcos. Son dunha raza autóctona, a "Raza Brava Galega" que estivo ao borde da extinción e que actualmente está en vías de recuperación.
Estas oliveiras acompañaron a vida e a morte de moitas xeracións de veciños de Ponte Ledesma sen que houbese problema algún... até hai uns días.
Unha desastrosa poda polas bravas dalguén a quen "molestaba" a sombra das árbores !? foi completada polo persoal do concello para "homoxeneizar" o perfil, co lamentábel resultado que se pode ver nas fotos.
No seu momento, a Xunta tamén rexeitara a iniciativa veciñal de incluir ás árbores no Catálogo das Árbores Senlleiras, porque ao parecer, non daban a talla.
Para Adega "resulta lamentábel que a Xunta primeiro e o concello de Boqueixón despois fagan ouvidos xordos ás demandas da cidadanía de protexer as nosas árbores e formacións máis senlleiras. Cantas veces acontece que é a veciñanza quen reclama a protección dun espazo ou elemento natural?"
Por desgraza, casos como as oliveiras de Ponte Ledesma, exemplos de desleixo institucional e falta de sensibilidade polo coidado deste patrimonio, non faltan: o ameneiral de Sarria, a fraga de Casas Vellas, a carballaira de Anllares, o eucalipto de Maná...