O colectivo confórmase tras un ano de traballo na plataforma feminista de Pontevedra, "unha experiencia enriquecedora" -destacan- que deu paso á formación constituída esta mañá, que traballará co lema “unidas, diversas e combativas”.
As asociacións e particulares que toman parte nesta iniciativa achegan, dunha banda, a experiencia do feminismo de a pé de rúa e, doutra, unha visión teórica e profesional. O Colectivo Feminista de Pontevedra busca "artellar sistemas para conectar o feminismo e a sociedade pontevedresa co obxectivo de combater as violencias machistas". A entidade apostará por estratexias de traballo en equipo para promover a participación e a motivación.
Antes da súa constitución, o grupo do que nace o colectivo realizou diversas accións: promoveu actividades os días 25 de novembro e 8 de marzo, efectuou denuncias por casos de violencias machistas que tiveron como escenario a provincia de Pontevedra, presentou unha proposta feminista aos partidos políticos con motivo das eleccións ao Parlamento galego, convocou actos de denuncia pola morte de 8 mulleres asasinadas polo machismo criminal en 2015 e impulsou un encontro en Sanxenxo para debater sobre os obxectivos do feminismo e acadar consensos.