A Mesa Intersindical acusa deste «despropósito» organizativo ao conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e non esquecen que as catro Deputacións teñen responsabilidades históricas na implantación do actual modelo de emerxencias. As respectivas presidencias actuais teñen na súa man redimirse impulsando a recuperación do servizo mediante xestión directa. Hoxe por hoxe a Xunta e a Deputación de Ourense quédanse soas na defensa dun sistema que non só se demostra ineficaz e deficiente, senón que malgasta recursos que deberan ser empregados en mellorar o servizo derivándoos a beneficio empresarial. Destacan tamén a insistencia do Presidente da Xunta en descargarse de responsabilidades dicindo que pedirá explicacións ao 112, cando os responsables do funcionamento e do mapa de emerxencias de Galicia son o señor Rueda e o Director Xeral de Emerxencias, así como os membros do seu partido que se negaron en múltiples ocasións a recibir a esta Mesa, ou cando na única vez que se dignaron a facelo ignoraron as advertencias de que sucesos coma este, en maior ou menor escala, son e serán frecuentes mentres non nos dotemos dunha solución integral, empezando polo desenrolo do recollido na Lei de Emerxencias.
Segundo a Mesa Intersindical, sinistros como o de Fandicosta deben ser atendidos «con celeridade, coordinación e suficiencia»; porén, moitas veces acábase por recorrer ao «voluntarismo e sacrificio» por parte dos profesionais das emerxencias. Desde os sindicatos lamentan que as autoridades «non aprendesen lección ningunha» de episodios anteriores nin mostrasen «propósito de emenda» dos seus erros. Neste caso a AXEGA, que é o ente que debería de coordinar o operativo neste tipo de sinistros e en onde opacamente se volcan cantidades inxentes de recursos económicos gastados en persoal e material cuxas funcións son descoñecidas e inoperativas.
Para a Mesa Intersindical, as autoridades galegas teñen unha visión «mercantilista, miserenta e curtopracista» sobre a atención das emerxencias. Os sindicatos dubidan que se poida atender profesionalmente sinistros coma este sen unha regulación concreta nin protocolos. «Proba do despropósito é que na lei de emerxencias de Galicia só aparece a palabra "bombeiro" no punto tres da disposición adicional terceira, relativa ao desenrolo do regulamento. Punto non só non desenrolado, senón do que nin sequera se dignaron a falar con nos».
Os sindicatos insisten na necesidade dun estatuto profesional dos bombeiros e en que os operativos de emerxencias conten cun mando único que garanta a coordinación estable. A Mesa Intersindical De Bombeiros De Galicia rexeita o actual modelo, composto por consorcios privatizados por todo o país e en situación precaria, con parques de bombeiros locais dependentes dos grandes concellos que, «ou ben están obsoletos, ou en precario ou sen competencias claras para actuar fora do seu termo municipal».
Desde a MIB sinalan que as dimensións do sinistro de Fandicosta o fan un caso «espectacular». Con todo, os sindicatos explican que é «demasiado frecuente» que haxa sinistros atendidos por parques privados de bombeiros cando hai parques públicos máis próximos ou, incluso, que se lles prohiba actuar aos profesionais dos parques públicos, como foi o caso.
Por último a MIB asegura que o colectivo de bombeiros de Galicia, tanto de parques públicos como privados, seguirán a mobilizarse coma nos últimos anos para que a situación cambie.