Unha vez rematou a tempada de alto risco de incendios forestais, que este ano prolongouse até o 15 de outubro, a Xunta de Galiza – Consellaría do Medio Rural- retirou os helicópteros do SPDCIF das bases nas que conta con persoal propio da administración.
Trátase das bases de Marroxo en Lugo, Campiño en Pontevedra e Vilamaior en Ourense. Estas bases contan con persoal fixo descontinuo de 9 meses, traballadores da Administración Autonómica que agora están a prestar servizo como brigadas helitransportadas sen helicóptero.
E mentres desactivan o servizo público, o resto de bases xestionadas pola empresa Natutecnia continúan a día de hoxe con todo o persoal de terra e todos os medios aéreos a pleno rendemento.
A maiores do persoal propio das bases helitransportadas, hai que ter en conta que a Xunta de Galiza rematou os contratos do persoal propio de reforzo de verán o pasado 1 de outubro, deixando sen persoal o período correspondente á ampliación do tempo de alto risco decidida pola Xunta (do 1 ao 15 de outubro).
"Responde isto á práctica á que nos ten desgraciadamente acostumados a Consellaría do Medio Rural, favorecendo sempre a privatización do dispositivo de loita contra incendios forestais, encargando a empresas privadas a xestión e aproveitamento das bases de utilidade e propiedade pública, perxudicando o funcionamento do servizo coa única finalidade de privatizar e pasar o servizo público a mans privadas", denuncia a CIG.
A CIG lembra que neste ano aumentouse a duración do contrato das empresas privadas das brigadas helitransportadas, encomendándoselles tamén como novidade tarefas de prevención.
Estamos entón, a día de hoxe, co reforzo de verán do SPDCIF na casa, con brigadas do dispositivo público helitransportado con contrato ata rematar novembro pero sen helicópteros, e coas brigadas de empresa privada a pleno rendemento prestando máis funcións e durante máis tempo.
Dende a CIG reivindican, como outras tantas veces, un servizo único profesional e PÚBLICO, que corte de raíz co negocio do lume, negocio do que se está a beneficiar a empresa privada Natutecnia e que "foi perniciosamente proxectado dende a Consellaría do Medio Rural", asegura.
A respecto de todo isto, no mes de maio a CIG presentou no Parlamento unha Proposición Non de Lei solicitando a ampliación a nove meses do período de traballo do persoal de reforzo de tres meses do SPDCIF, onde demostraban que o custe económico desta proposta sería arredor dun millón de euros por ano e provincia, cantidade netamente inferior a empregada nas helitransportadas privadas, demostrando que non se trataba dun problema de cartos senón de vontade política.