A súa solicitude foi contestada negativamente con argumentos que remitían ao funcionamento do antigo Hospital Psiquiátrico Rebullón, á existencia dunha base do 061 próxima e á presenza pola noite de máis persoal sanitario no conxunto dese hospital. E así se pechou a cuestión polos responsables xerenciais de Vigo. Nin cando menos unha entrevista, ata o día de hoxe, cos once profesionais que fixeron a solicitude.
En ningunha unidade dun hospital cunha cantidade de pacientes como a citada asume un único profesional a atención dos mesmos durante toda a quenda da noite.
Calquera pode imaxinar circunstancias que poden requirir da atención total dese profesional a un único paciente da Unidade durante a quenda, e con iso ter que desatender as demais persoas ingresadas. Calquera pode darse de conta tamén da imposibilidade de que unha única profesional poida desempeñar o seu cometido sanitario nesa Unidade Residencial coas adecuadas esixencias de seguridade (unha das compoñentes da calidade asistencial) para os pacientes e para os profesionais.
Esa Unidade está dotada con mínimos inaceptables. É de sentido común que cando menos debe contar na quenda da noite con dúas Técnicas en Coidados Auxiliares de Enfermería, e dispoñer, se fose preciso, do apoio médico e de enfermería con rapidez.
Pasaron as eleccións pero a realidade asistencial en saúde mental en Galicia, da que este caso é un exemplo, segue a ser a mesma que hai dous meses: deterioro, escaseza de recursos, carencia de diálogo e de participación na xestión pública, ausencia de planificación, peor asistencia aos mais fráxiles. Esa realidade que veu denunciando reiteradamente o Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM) nestes anos de recortes nos servizos públicos e nos dereitos das persoas, xa volveu ser motivo de análises, lamentablemente, en ámbitos profesionais internacionais, tal como se reflectiu no recente Congreso Internacional de Psiquiatría Baseada no Paciente (Madrid) no que se salientou que Galicia xunto con Ceuta son os territorios con peor saúde mental de España.
Pero iso non debe estrañar a ninguén cando as dotacións profesionais son como as que aquí se denuncian: mínimas. Literalmente.