As obras de arranxo de pistas e novos cortalumes que Medio Rural está a executar na contorna da lagoa de Alcaián danaron tamén exemplares de Euphorbia uliginosa e Centaurea ultreiae, ambas en perigo de extinción e esta ultima endémica, así como de Spiranthes aestivalis, considerada vulnerábel.
No caso da poboación da Lycopodiella arrasada, os exemplares ficaban á beira dunha charca sobre a que abriron unha nova pista, en troques de arranxar o vello camiño que alguén ocupou cunha plantación de eucaliptos.
A lagoa de Alcaián ou Braña Rubia é un excepcional territorio cunha rara poboación botánica e non poucos endemismos, debido á súa peculiar xeolóxía de rochas ultrabásicas. Este espazo xa fora proposto polo bipartito para integrar a Rede Natura 2000, figurando tamén entre as áreas que o PP prometeu incluir nesta figura de protección... até hoxe.
Posíbel comisión dun delicto penal
ADEGA lembra que os danos ás especies protexidas poden ser constitutivos de delicto, consonte o artigo 332 do Código Penal: "O que con grave prexuízo para o medio ambiente corte, talle, queime, arrinque, colleite ou efectúe tráfico ilegal de algunha especie ou subespecie de flora ameazada ou dos seus propágulos, ou destrúa ou altere gravemente o seu hábitat, será castigado coa pena de cadea de catro meses a dous anos ou multa de oito a 24 meses".
Por iso pregúntase quen se vai responsabilizar de ter eliminado toda unha poboación dunha especie en perigo de extinción, danando outras moi sensíbeis e endémicas. Como é posíbel que a mesma administración encarregada da protección deste valioso patrimonio, sexa tamén a responsábel do seu deterioro?
O descoñecemento non pode ser excusa, e moito menos tratándose da Xunta. Ademáis esta poboación de Lycopodiella en Coristanco estaba catalogada (cita no Herbario de Santiago SANT65621).