Esta semana temos asistido á publicación oficial dos concertos educativos cos centros privados por parte da Xunta. De novo a lei Wert serve de escusa para que o goberno do Partido Popular continúe a favorecer os intereses das súas entidades parceiras, din na Marea Verde do Ensino (MVdE), o que supón unha clara aposta polo desmantelamento do sistema público de educación a prol dos intereses privados. Isto topa de fronte coa concepción que na MVE teñen do que debe ser educación pública de calidade. "Sendo a educación un dereito fundamental de toda a cidadanía, é deber da administración pública protexelo".
Lembremos que a LOMCE é a lei educativa máis polémica das anteriormente aprobadas no Estado español; rexeitada polo alumnado, polo profesorado e polas familias. Dita lei favorece os intereses de centros que segregan ó alumnado por sexo. Precisamente con esta última decisión da Xunta, os cartos públicos, os nosos cartos, irán para cinco centros que segregan por sexo: Montespiño, Peñarredonda, Montecastelo, Las Acacias e Aloya, incrementado o número de unidades en infantil, primaria, ESO e FP.
Máis aínda, catro deles vencellados ao Opus Dei, dato importante xa que financiar a segregación por sexos é totalmente oposto ao obxectivo de camiñar cara unha sociedade baseada en valores de igualdade e
libre de prexuízos de xénero. Dende MVdE consideran indecente esta decisión da Consellería de Educación que ataca directamente ós principios dunha educación pública laica, gratuíta e libre da segregación por sexos. O PP namentres continúa a facer recortes co peche de unidades de oferta pública, blindando as subvencións a centros privados, e favorecendo unha educación máis propia dos tempos da ditadura franquista. Eses centros
teñen asegurados os concertos educativos ata o ano 2023; hipotecando o noso futuro máis aló do que a propia norma indica.
Por todo o exposto esixen a revisión inmediata destes concertos, xa que supoñen unha competencia directa para o ensino público e non son complementarios del. "Chamamos á sociedade galega á movilización na defendensa da EDUCACIÓN DE CALIDADE, INCLUSIVA, LAICA, NON SEXISTA E, MÁIS QUE NADA, PÚBLICA."