Tal e coma denuncia a STEG todos e cada un dos cursos, os prazos de presentación das solicitudes (remata o 14 de decembro) fai que no STEG se pregunten se o alumnado non ten dificultades ata pasadas as vacacións de nadal. Que mellora se pode dar nos centros educativos cando pasa a metade do curso tan só para que se presenten as solicitudes?
Novamente, o feito de que só poida acceder a estes plans de mellora o alumnado a partir de 3º de primaria fai dubidar de se o alumnado menor non ten dificultades, ou non é importante dotar de medios para aquelas crianzas a quen lles custa aprender a ler, a escribir e a adquirir habilidades matemáticas básicas.
De novo, coma todos os cursos, indícase veladamente que os centros que queiran acceder a estes programas deberán "colaborar", é dicir, que sexa o propio profesorado do centro quen imparta estas horas de docencia extra.
Pero o que resulta máis preocupante é a linguaxe que utiliza esta convocatoria, que transpira discurso neoliberal e ese espírito emprendedor que a LOMCE quere meter con calzador ("Lograr un clima de aula e de centro que favoreza o proceso de ensino e aprendizaxe."; "Apoiar a evolución e a integración do alumnado con maior capacidade e motivación para aprender"...) e sobre todo, a repetición ata a saciedade do termo "éxito escolar". Que entende a administración por "éxito"? "Moito nos tememos que o seu éxito consiste tan só nos bos resultados académicos, e non o de conseguir que o alumnado desenvolva todas as súas capacidades para formar unha cidadanía autónoma e crítica, que debería constituír o obxectivo do ensino público", din na STEG.
E xa, para rematar, no STEG están "escandalizados" de que a prioridade para a concesión destes programas sexa a participación nas reválidas, unha chantaxe inaudita para os centros educativos que non queiran someterse á disciplina neoliberal desta administración. Ou será que aquí queren meter pola porta de atrás ese aumento dos recursos para os centros que saquen mellores resultados nas reválidas?
No STEG seguen opoñéndose á convocatoria destes contratos-programa, xa que consideran que deberían ser universais para todos os centros educativos que acreditasen estas necesidades, que non deberan aumentar o horario de traballo do profesorado e que en ningún caso deberan consistir na impartición de horas de clase a maiores para o alumnado que xa de por si ten dificultades.
Polo tanto, o STEG segue esixíndolle á Consellería que se quere aumentar o "éxito" do alumnado, o primeiro que debera facer é dotar aos centros dos recursos materiais e humanos que lles corresponden, sobre todo no referente ao profesorado de apoio, que reduza as ratios de alumnado para poder realizar unha mellor detección, diagnóstico e actuación temperá das dificultades do alumnado e que desvincule calquera dotación de recursos públicos aos resultados académicos ou das reválidas.