Desta volta, a pesares de ser a primeira limpeza programada para a tempada de outono, houbo a sorte de contar cun sol espléndido na xornada do venres e dun nubrado pero seco día o sábado 26, facendo que @s voluntarias puidesen realizar a actividade sen problemas.
Nesta edición limparonse 7 puntos diferentes da xeografía galega, retirando lixo de lagoas litorais, concretamente a lagoa da Traba (Laxe), a lagoa de Baldaio (Carballo), a lagoa da Frouxeira (Valdoviño), a lagoa de Doniños (Ferrol) e a lagoa de Louro (Muros). Ademáis realizouse a limpeza da Xunqueira do Lagares e a praia de Samil en Vigo, así como da praia da Langosteira en Fisterra.
Participaron 189 persoas e recolléronse máis de 2 toneladas de lixo, a maioría de orixe plástico. Retiráronse cordas de todo tipo, aparellos de pesca, caixas, botellas, tapóns, e ata a roda dun tractor.
Na xornada do venres 25 foron os rapaces os encargados de realizar a limpeza, dando exemplo á comunidade coa súa motivación e implicación ambiental. Tanto no IES de Fin do Camiño como no CEIP de Atios a conclusión foi a mesma: ¿Como pode haber tanto lixo? Eran moreas os nenos abraiados pola cantidade de plásticos agochados entre a vexetación de ribeira da lagoa de A Frouxeira e da praia da Langosteira.
O lixo mariño é unha das maiores problemáticas ambientais do planeta, provocando graves consecuencias sobre os ecosistemas mariños, así como numerosas mortes de aves mariñas, mamíferos e tartarugas. Estes animais poden verse atrapados entre o lixo ou morrer directamente pola inxesta dos propios residuos. Ademais, non só a nosa fauna vese ameazada, senón que moitos dos produtos vertidos ao mar conteñen sustancias tóxicas e bioacumulativas que poden entrar na cadea alimentaria, rematando por provocar problemas de saúde na poboación. Por outra banda, os problemas asociados á presenza deste lixo nas nosas praias e lagoas provoca numerosas perdas económicas, provocando a diminución da pesca e do atractivo turístico e recreativo das nosas costas, supoñendo un gasto enorme de limpeza para as administracións.
Esta problemática está intimamente relacionada cos modelos de consumo da nosa sociedade, onde prodúcense millóns de toneladas de lixo ao ano (preto duns 10 millón anuais) que rematan nos nosos océanos, procedentes tanto das industrias como da poboación en xeral, a través dunha mala xestión dos residuos que xeramos.
ADEGA quere subliñar que as limpezas de praias non debe ser un feito illado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida. As limpezas de praias deben facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. O obxectivo principal deste tipo de actuacións é crear conciencia e alertar da cantidade de plástico que producimos e tiramos, e as consecuencias que isto ten.
ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que organizaron e participaron como voluntarias en tódalas limpezas: "Moitas grazas e morte ao plástico!!!".