Logo da retirada das tropas iraquís de Kuwait na primeira guerra do Golfo, máis de seiscentos pozos de petróleo deste pequeno país foron incendiados, nunha aplicación da táctica da “terra queimada”. Os fogos comezaron en xaneiro de 1991 e só puideron ser controlados máis de once meses despois, no que foi un dos maiores desastres ecolóxicos da historia.
Herzog acude a Kuwait para gravar a catástrofe en 16 mm. Pero no seu documental, a achega aos pozos faise dende a perspectiva dun observador que se diría casi extraterrestre. Descontextualizado e caracterizado de maneira que enfatice a estrañeza do terreo, o que deve ter sido o mesmo inferno é presentado ao espectador con fermosas imaxes postapocalípticas e cunha bela banda sonora. Sobre as imaxes, os escasos comentarios do director non buscan contextualizar a catástrofe, senón máis ben interpretala en clave poética.
O propio Herzog considera Leccións de escuridade unha produción de ficción científica, o que viría a ser o reverso dun documentario, pois a impresión é a de asistir a un filme doutro planeta. Meditación sobre a catástrofe, contextualizada a través dos xeitos literarios da relixión e a ciencia ficción, este filme é unha volta do director ao deserto como un ente con voz propia, algo que xa filmara en Fata Morgana.
Xunto con este filme poderemos ver tamén a curtametraxe Cobra Mist, de Emily Richardson, que explora tamén a política e a historia a través da paisaxe. Neste caso, trátase das relacións entre a paisaxe de Orford Ness, na costa inglesa, e os resquicios da súa historia militar, particularmente en relación cos experimentos de radar e coa arquitectura do Centro de Experimentación de Armas Nucleares. Emily Richardson é unha cineasta británica cun traballo baseado na paisaxe, especialmente en lugares en transición: cinemas abandonados, rúas vacías, bloques de pisos da postguerra mundial ou instalacións militares da guerra fría.
Werner Herzog, nacido en Múnic en 1942 é un dos principais cineastas alemáns. A miúdo foi asociado ao movemento do novo cinema alemán, xuntamente con Rainer Werner Fassbinder, Margarethe von Trotta, Volker Schlöndorff ou Wim Wenders, entre outros. Os seus filmes adoitan tratar de heroes con soños imposíbeis, persoas con talentos únicos ou individuos en loita contra a natureza, explorando no fondo as contradicións e limitacións da sociedade occidental.
A figura máis excentrica do seu movemento cinematográfico, Herzog ten acadado sona nos circuitos artísticos pola súa postura de “visionario romántico” dentro do novo cinema alemán, ao tempo que pola súa case lendaria maneira de enfrontar perigos para realizar os seus filmes. As súas dificuldades de produción non son só unha maneira de dar autenticidade ás fitas (como o seu uso de actores e personaxes das zonas onde filma), senón que chegan a ser o evento central do cal o filme non é máis do que unha simple gravación.
A vindeira semana o Cineclube pecha o mes de maio cunha sesión especial, na que contarán coa presenza de Alberte Pagán para presentar a estrea de dous dos seus filmes: Walsed (Galiza, 2014) e Frank (Galiza, 2015). En ambas as dúas fitas, Pagán realiza un estudo cinematográfico sobre unha obra anterior: en Frank sobre o FrankStein de Iván Zulueta (1972) que resume, en tres breves minutos, o filme homónimo de James Whale; e en Walsed sobre o clásico experimental Visión fantástica (1957) de Eugène Deslaw.
O filme vai ser proxectado na súa versión orixinal, con subtítulos en galego. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o seu funcionamento, propoñen unha aportación económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo de filmes do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
PRÓXIMAS PROXECCIÓNS
Mércores 18 de maio ás 21:30 no Pichel
Cobra Mist
(Cobra Mist, Emily Richardson, Reino Unido, 2008, 6′, VO)
Leccións de escuridade
(Lektionen in Finsternis, Werner Herzog, Alemaña-Francia-Reino Unido, 1992, 50′, VOSG)
Mércores 25 de maio ás 21:30 no Pichel
Walsed
(Walsed, Alberte Pagán, Galiza, 2014, 4′, VO)
Frank
(Frank, Alberte Pagán, Galiza, 2015, 65′, VO)
Estrea. Coa presenza do director.