Este martes 20 de decembro, o Grupo de acción de Amnistía Internacional en Ourense saíu de novo á rúa a prol dos Dereitos de dúas persoas concretas, Annie Alfred, unha nena con albinismo de Malaui, que vive coa ameaza constante de que a utilicen para rituais e Máxima Acuña, unha muller peruana que loita para evitar que a expulsen das súas terras. Foi no marco da campaña #PersoasPorPersoas que Amnistía Internacional ven desenvolvendo dende o día 10 de decembro, Día internacional dos Dereitos Humanos.
O Grupo de acción de Ourense volve á rúa cunha campaña de mobilización na cidade, recollendo máis de 500 sinaturas de apoio para estes dous casos particulares. As sinaturas serán entregadas aos Gobernos correspondentes (Perú e Malaui) para que protexan a integridade de Máxima e de Annie e que defendan os seus dereitos.
A resposta da cidadanía ourensá foi excelente, tal e como na anterior acción polas persoas refuxiadas. A parte das sinaturas, tamén se recolleron debuxos nun espazo creado para as/os nenas/os e que serán enviados a Máxima Acuña e a súa familia en sinal de apoio. “Ourense responde ben pola defensa dos DDHH, xa o comprobamos no mes de novembro coa acción de persoas refuxiadas e hoxe acreditámolo de novo nesta campaña de casos particulares”, afirmou Jonathan Domínguez, coordinador do Grupo de Ourense.
“Amnistía Internacional pide á xente que se tome a inxustiza como algo persoal, e hai poucas maneiras máis directas de actuar que asinar unha carta ou unha ciberacción para dicirlle a unha persoa valente que a apoias, ou para lembrar ás autoridades que estamos a vixiar o que fan”, declarou Domínguez.
Paga a pena loitar
Na anterior campaña do mesmo nome do ano pasado participaron centos de miles de persoas de máis de 200 países e territorios. Enviáronse máis de 3,7 millóns de cartas, mensaxes electrónicas, SMS, faxes, chíos e comunicacións similares, e converteuse na campaña de dereitos humanos máis grande do mundo. As firmas contribuíron a lograr grandes vitorias en materia de dereitos humanos en todo o mundo.
“Dicíao o recentemente falecido Marcos Ana, un dos primeiros presos de conciencia polos que traballou Amnistía Internacional en España e cuxa intervención contribuíu a lograr a súa liberdade: vale a pena loitar. Unha mensaxe de solidariedade dun descoñecido pode dar forza a persoas que perderon a esperanza, e pode facer reflexionar a autoridades que perderon a compaixón. Que corra a voz: escribir unha carta ou asinar unha ciberacción pode cambiar unha vida”, afirma Domínguez.