Manoel e sua mulher Rosa levan unha vida sufrida no interior de Brasil, nunha terra desolada e marcada pela seca. O seu soño é usar o lucro obtido nunha compartición de gando co coronel Moraes para mercar un pedazo de terra. Mais a explotación brutal imposta polo coronel fará que Manoel o maté tras unha pelexa e a parella teña que fuxir. Os dous fuxitivos sumaranse aos seguidores do beato Sebastião, que promete a fin de calquera sufrimento.
Realizado entre 1963 e 1964, un período de grande convulsión política no país, Deus e o diabo na terra do sol marca xunto con Vidas secas(1963) de Nelson Pereira dos Santos e Os fusís (1964) de Ruy Guerra o inicio do novo cinema brasileiro. Adaptación moi libre de O diabo e o bo Deus, de Jean-Paul Sartre, esta fita mestura a traxedia grega, a literatura de cordel, o western e influencias como Luis Buñuel, Sergei Eisenstein ou Akira Kurosawa para presentar unha narrativa tremendamente moderna que provocou un xiro de 180 graus na cinematografía brasileira, até esa década marcada por canons clásicos, malia algunha excepción como Limite (1930) de Mário Peixoto.
Aclamado en Cannes e noutros festivais internacionais, Deus e o diabo na terra do sol é co seu ton poético, no que semellan encontrarse Ford e o expresionismo alemán, unha viaxe lírica pola realidade brasileira da época que continúa a ecoar hoxe. Mais tamén é, nas palabras de Sérgio Augusto, o “eterno conflito dialéctico entre a violencia e a poesía, o realismo e a maxia, o corpo e o mito”.
Nado en Vitória da Conquista en 1939, Glauber Rocha viviu desde os nove anos na cidade de Salvador, cuxo ambiente cultural favoreceu a súa formación artística. Aos dezaseis años comezou a traballar como xornalista e crítico de cinema, e tras intervir nalgúns proxectos como asistente, dirixe en 1959 a súa primeira curtametraxe, Patio. É entón cando decide abandonar os estudos de dereito e dedicarse ao xornalismo, o cineclubismo e a dirección de cinema.
Em 1962 realiza a súa primeira longametraxe, Barravento, á que seguirán Deus e o diabo na terra do sol, Terra en trance (1967) e O dragón da maldade contra o santo guerreiro (1969),, que lle proporcionan grande éxito internacional. En 1965 publica en Xénova o manifesto Unha estética da fame, no que explica os seus posicionamentos estéticos. Tras a radicalización da ditadura brasileira, exíliase en 1971 e xa non regresa ao seu país natal até 1981, cando viaxa tras recibir tratamento médico por unha infección pulmonar para morrer en Río de Janeiro.
Tras esta sesión, a programación do Cineclube terá un descanso até o regreso das festas de inverno, como xa vén sendo habitual. O mércores 11 de xaneiro regresarán as proxeccións do Cineclube cunha programación que se anunciará nos próximos días.
O filme será proxectado en versión orixinal con subtítulos en galego. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o seu funcionamento, propón unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
DECEMBRO 2016
Mércores 21 de decembro ás 21:30 no Pichel
Deus e o diabo na terra do sol
(Deus e o Diabo na Terra do Sol, Glauber Rocha, Brasil, 1964, 118', VOSG)