Os xogos e os xoguetes deben transmitir patróns e modelos de sociedades nas que a relación entre mulleres e homes teñan como base o respecto e a igualdade de oportunidades.
Temos que avanzar para que o mundo das crianzas non se limite a uns roles e uns determinados xogos polo simple feito de ter nacido nena ou neno, evitando que reproduza a tradicional diferenciación en función do sexo: non hai xoguetes de nenas e xoguetes de nenos. Os xoguetes como tal non son sexistas, mais son un reflexo do mundo que nos rodea, da nosa sociedade, e por iso ás veces teñen un rol excluínte.
Hai que educar ás crianzas no recoñecemento das súas potencialidades e o respecto mutuo, onde os xoguetes non coarten a súa liberdade.
Os xoguetes non teñen sexo, son ferramentas coas que as crianzas exploran, descubren e adquiren comportamentos e actitudes sociais e de relación que irán forxando a súa persoalidade, por iso teñen tanta importancia no desenrolo da súa identidade.
Xogando terían que aprender condutas de prevención e límites da violencia, de dominio, do control, do abuso de poder, das interaccións persoais e promover modelos relacionais positivos baseados na equidade, a corresponsabilidade, o respecto e o compromiso ético en todos os ámbitos da vida.
Decálogo para a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos
Rosa e azul: Non hai cores de nenas nin cores de nenos. As cores limitan a nosa escolla!
Somos diversas: os xogos e xoguetes deben reflexar esa diversidade, libres de prexuízos.
Promover habilidades e capacidades, tanto físicas como intelectuais sen importar o sexo, que potencien o desenrolo de sentimentos e afectos.
Xogos cooperativos: o importante é participar!
Xogos non violentos: para potenciar a resolución dos conflictos de forma positiva e construtiva.