O obradoiro “Tratamento penitenciario dos delitos de violencia de xénero. É posible a reeducación social?”, parte da necesidade de facer intervencións psicolóxicas eficaces nos centros penitenciarios cos homes que maltrataron ás súas parellas como medida de prevención da reincidencia neste tipo de delitos.
Preténdese, por unha banda, identificar os tipos de violencia que se exercen sobre as mulleres, así como de entender a importancia que ten a violencia de xénero como un problema que afecta a toda a cidadanía, indo máis alá dun problema de carácter privado ou familiar ou dun mero conflito de parella, e que supón unha terrible lacra social. Ademais, daranse a coñecer os programas de modificación de conduta que se están a levar acabo nos centros penitenciarios de todo o Estado con penados por delitos de violencia de xénero.
A intervención con este tipo de penados é diferente á que se fai noutro tipo de delitos, polo que se fará unha análise das súas peculiaridades en relación ao tratamento psicolóxico, para axudar así aos e ás profesionais da psicoloxía a afrontar este tipo de intervencións.
Este obradoiro está deseñado como parte do proxecto anual de formación da Sección de Psicoloxía Xurídica do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e vai dirixido a todos aqueles profesionais psicólogos e psicólogas que leven a cabo intervencións no ámbito da violencia de xénero, e especialmente para quen desexe coñecer o tipo de intervencións que se realiza cos homes penados por este tipo de delitos.