O LP incide na aproximación do pop ás músicas do hemisferio sur, especialmente no plano rítmico, que a banda xa viña traballando nas súas anteriores achegas, O disco vermello (2014) e Noites de agosto con Ataque Escampe (2012). Porén Primeiros bicos, cun son máis cru e próximo ao directo que nunca, marca da casa do produtor Julio Vilariño Cabezas, é sen dúbida o traballo máis intenso e bailable de Ataque Escampe.
Nos textos, baixo unha primeira capa de fraxilidade, latexan os fantasmas do pasado, a celebración da vida con toda a súa crueldade e a constatación, amarga ou mordaz pero nunca nostálxica, de que o tempo pasa. Primeiros bicos, así, recolle os vestixios de enerxía adolescente que os seus autores deron rescatado do fondo das vísceras para arder con eles nun festival de electricidade e emoción.
O disco gravouse no estudio As Gonzalinhas de Bermés, Lalín, entre marzo de 2016 e xaneiro de 2017. A gravación, as mesturas e a masterización estiveron a cargo de Carlos e Alberto Quintá, e o deseño gráfico é obra de David Silva.
Ataque Escampe
«As Ataque Escampe escriben cancións con salsa agridoce. Producen músicas tristes para escenarios con cortina vermella, reverbs torturados e himnos á derrota, pero tamén rock’n’roll para desabrochar as camisas, soul hilarante e, por que non, ruído. Textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre. Arrástranse desde 2007 polos escenarios, electrificándose de a pouco, mudando de formación e deixando constancia do seu paso pola Terra en formato disco. En 2014 recibiron o galardón na categoría indie / pop dos premios Martín Códax da Música».