O espazo creouse a partir da Asociación cultural do mesmo nome e onde todas as decisións fanse de maneira asemblearia. Contan con máis de cincuenta persoas socias que financian o proxecto e realizan actividades coma o Festival solidario deste domingo para poder pagar salarios (teñen a dúas educadoras fixas a traballar), facer reformas, mercar o necesario.
Tamén colaboran co grupo de consumo ferrolá Fonte da Uz onde mercan a comida para as merendas das crianzas promovendo desta maneira a posta en valor do rural da comarca e o cultivo ecolóxico.
Semente Trasancos nace asociada a outras semente que existen no país e que nacen pola necesidade de moitas familias de queren transmitir a lingua propia ás súas fillas e fillos nun espazo de inmersión lingüística e onde se respecten os seus ritmos xa que, a día de hoxe, os poderes públicos non ofrecen esa posibilidade. En todo o país son xa cinco escolas de ensino galego que están a funcionar en Narón, Compostela, Vigo e Lugo e dúas máis que comeza a creación do proxecto na Coruña e en Ourense.
Terceiro Festival solidario da Semente Trasancos
O vindeiro domingo 12 de marzo a partir das 17:30 no auditorio de Narón dará comezo o terceiro Festival da Semente Trasancos onde artistas da comarca conmemorarán o centenario da Irmandade da Fala de Ferrol e onde se proxectará unha curta sobre a lingua e sortearase unha pandeireta.
O Fenés Roger de Flor (cantautor de diversidade de estilos e con gran influencia swing), o grupo infantil Quinindiole (que xa deu o salto á televisión desde o programa Luar) e a narradora de Mugardos Vero Rilo conducirán un festival que misturará, unha vez máis, música con outras actividades: ademais das diferentes actuacións na que todas as persoas participan de maneira altruísta estrearase unha curta creada pola propia Semente Trasancos arredor do seu espazo e da comarca e sortearase unha pandeireta artesá feita en Neda.
A idea é promover a comarca a través de artistas con orixe en Ferrolterra, recuperar a memoria histórica lembrando que hai cen anos que se creara a Irmandade da Fala en Ferrol e que os beneficios recadados valgan para financiar o proxecto do espazo de ensino galego da comarca que leva a funcionar en Narón xa hai dous anos e que ten como usuarios crianzas de toda a comarca.