O comité verificou "in situ" o estado das dúas presas mineiras situadas no cauce do río San Fins, sobre as que Sacyr recusa toda responsabilidade, e manteu encontros con profesionais do mar, veciños, representantes de colectivos ambientais e membros das corporacións municipais da comarca.
Despois de inspeccionar o estado do maior dos depósitos de colas situado en pleno cauce, o comité alertou que existen as condicións para que se poida producir un grave desastre ambiental.
Segundo os integrantes da rede "Yes to Life, No to Mining", o feito de que unha explotación que ven vertendo de forma continuada augas ácidas de mina poida operar sen ter sido sometida a un procedemento de avaliación de impacto ambiental fixo saltar todas as alarmas na plataforma, motivando a súa intervención ante "unha situación que se considera extremadamente preocupante", moi particularmente "A falta de control e permisividade temeraria da administración".
Integran o comité a Doutora Michelle Malone, xurista ambiental e coordenadora da Australian Earth Laws Alliance (Australia), a activista ambiental Natalie Lowrey de Deep See Mining Campaign (Nova Zelandia), o antropólogo Hannibal Rhoades, da Fundación Gaia de Londres (Reino Unido), a divulgadora ambiental Juliana Thornton, da Universidade de Witwatersrand e EarthLore (Sudáfrica), o biólogo Chris Madine, da Universidade de Newcastle e Snowchange (Finlandia), o activista Clemente Bautista, coordinador nacional da rede ambiental Kalikasan (Filipinas), o divulgador ambiental Wale Obayanju, da Fundación HOMEF (Nixeria), e a antropóloga e bióloga Mariana Gómez, da Fundación Gaia Amazonas (Colombia).
Un primeiro relatorio sobre o impacto ambiental das Minas de San Fins foi presentado este sábado no Centro Socio-cultural de Vite en Santiago de Compostela durante o III encontro sobre impactos da minaría, convocado polos 23 colectivos integrantes da rede ContraMINAcción (http://contraminaccion.org/), en colaboración coa plataforma internacional "Yes to Life, No to Mining" (http://www.