As compañeiras da Asemblea de Mulleres do STEG xunto coa Organización de Mujeres da Confederación Intersindical están "convencidas de vivir unha xornada histórica na loita das mulleres e sentímonos satisfeitas de dar a necesaria cobertura legal para que as compañeiras e os compañeiros que querían sumarse ao Paro Internacional de Mulleres puidesen facelo sen temor a sufrir represalias por parte da administración ou das empresas. Este 8 de marzo non vai ser un máis".
Este 8 de marzo puxo de manifesto que o movemento feminista é forte e que cada día estamos mellor formadas e organizadas, non só a nivel galego, senón mesmo a nivel estatal e internacional. Este 8 marzo debe facer reflexionar tanto ao goberno de Galiza como ao estatal sobre a situación discriminatoria que sufrimos as mulleres tanto no ámbito laboral como social e sobre as violencias machistas.
Do STEG esixen que ante a contundente resposta cidadá ambos os gobernos convoquen aos grupos políticos da oposición, as organizacións feministas e os axentes sociais, para acordar un plan integral con medidas concretas coas que construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. Esixen que a lacra do terrorismo machista sexa unha cuestión de Estado
Finalmente, agradecen e felicitan "ás traballado/as e aos traballadores que se sumaron ao paro polo seu compromiso na loita das mulleres e animámoslles a participar nas distintas concentracións e manifestacións que terán lugar ao longo da xornada en toda Galiza [segundo declarado día 08/03]. Así mesmo, damos o noso máis sentido parabén ás compañeiras arxentinas por promover esta mobilización internacional e por demostrar que a solidariedade é a nosa arma. Que viva a loita das mulleres!"