O físico, sindicalista e teórico belga Nico Hirtt falou na tarde do venres, no Auditorio da Casa do Saber da USC, sobre a mercantilización da escola ao abeiro do discurso das competencias e logo tivo lugar un interesante debate co público asistente.
Na mañá do sábado, xa no salón de actos da Deputación Provincial, Mini Rivas, Alexandra Cabana e Moncho Leal, moderados por Diego Castro, responsábel de Organización do STEG, falaron da Escola e o Rural na encrucillada, sinalando a necesidade de fornecer este eido no ensino e os retos pendentes da escola pública no rural.
Augusto Serrano, ex responsábel de política educativa da Confederación de Stes e Branca Guerreiro, inspectora de educación e ex responsábel do STEG, abordaron o percorrido das diferentes tentativas de pacto educativo ao longo da democracia, así como os elementos que se deberan abordar en Galiza para unha mellora efectiva do sistema educativo.
Finalmente, pola tarde, tivo lugar unha mesa redonda moderada por Emilio Ínsua, membro do STEG de Pontevedra, coa participación dos representantes parlamentares do PSdG, EnMarea e BNG: Luís Álvarez, Luca Chao e Olalla Rodil, que contou tamén coaparticipación de Jurjo Torres, profesor da Universidade da Coruña e escritor e teórico. Nela abordouse o contexto actual da LOMCE e as alternativas existentes á mesma, así como outros aspectos que foron motivo de debate dende o público.
Finalmente, tivo lugar o peche musical con Uxía Senlle e Sérgio Tannus, que ofreceron un recital musical moi apraudido polo público.
Con esta actividade o STEG pecha as actividades de formación previstas para este curso e traballa xa no deseño das que terán lugar para o vindeiro.