A pesares destas agresión a Praia de Aguete segue tendo o seu encanto e continúa sendo unha praia bastante natural. Recentemente tivemos coñecemento dunha nova agresión consistente en talar os loureiros e facer movementos de terras na beira este da praia, onde está situada a primeira baixada e o acceso á coñecida como Praia dos Namorados.
Segundo informa o BNG, esta obra consistiría na realización dun muro de 3 metros de altura e 40 metros de lonxitude. Un muro desta altura vai ter un gran impacto visual, e esteticamente vai alterar o entorno, moito máis cando se talan as árbores que podían disimilar ou ocultar esta desfeita.
Parece ser que o propietario dos terreos onde se realizan estas obras ten o permiso de Costas máis non a correspondente licenza municipal. O Concello de Marín é coñecedor desta situación polo tanto ten que actuar paralizando as obras e iniciar un expediente administrativo sancionador. O Concello ten a obriga de velar pola legalidade urbanística e a conservación do medioambiente, independentemente de quen sexa o propietario dos terreos onde se realizan estas obras.
Aínda no caso de ter todos os permisos, iso non quita que o proxecto teña que cumprir cos requisitos da lexislación vixente, que como di a Lei de Costas no seu artigo 44.2 “Deberán prever a adaptación das obras ao entorno en que se atopan situadas e, no seu caso, a influencia da obra sobre a costa...”
Todo isto debería sabelo a delegación de Costas que dou un permiso sen proxecto por un motivo irreal como é unha suposta contención de terras que en ningún intre se moveron do sitio. Costas debeu evitar a tala das árbores e velar polo cumprimento da lei e do interese común, moito máis tendo en conta que esa actuación é de dubidosa legalidade por invadir zonas de paso e superar os límites da liña de costa.
O Colectivo Nacionalista de Marín demanda "a inmediata actuación do Concello de Marín paralizando esta obra e obrigando a reposición da vexetación e do entorno, tal e como estaban anteriormente, por parte do responsábel".