O 1º de Maio, em 1886 os traballadores / as ianques em Chicago saíron á folga xeral pola xornada de 8 horas, e foron duramente reprimidos polo governo e a patronal. Desde aquela, está na memória dos traballadores / as como o día mundial da Clase Obreira, umha data de loita polos seus direitos.
Hoxe, 131 anos despois, a classe traballadora mundial enfrenta umhas políticas que buscan facernos retroceder ao século XIX. As sucesivas reformas laborais aplicadas convirten direitos como a xornada de 8 horas, a estabilidade no emprego, as vacacions, e os direitos laborais em soños do passado. O desmantelamento dos servizos públicos e sociais, procuran a volta ao sistema do século XIX onde a sanidade, a educación ou os servizos sociais eran um luxo para os ricos, mentras os pobres, é dicer, a xente traballadora tem que se “conformar” coa caridade ou uns servizos públicos degradados.
A crise económica, por moito que alardeen, apreta: o FMI esixe mais reformas laborais, a UE que se controle mais o déficit público para mellor privatizar, facendo “as reformas estruturais” que faltan. Pero o governo do PP no Parlamento é débil e non pode governar a golpe de decreto, como ate o de agora; precisa do “dialogo”, do “pacto” para sacar adiante a suas medidas.
No Parlamento xa tem o apoio de Cs e do PSOE, mas tamen precisa “paz social” na rua, e para elo tem as cúpulas dos sindicatos maioritários, CCOO e UXT. A través dela tentan impoñer essas “reformas estruturais” que faltan, desde as Pensións coa renovación do Pacto de Toledo para privatiza-las definitivamente, ate os acordos coa patronal para limitar as subas dos salários, pasando pola ratificacion do “ERE encuberto” na Administración, que destruiu miles de postos de traballo e baixou os salários dos traballadores / as da administración, a través do Acordo para a Mellora da Administración Publica, xa asinado entre CCOO-UXT-CSIF e o governo.
Como alumno aventallado que é, Feijoo e a Xunta do PP xa teñen avanzado no control do déficit, Galiza é umha das CCAA onde os recortes foron mais duros. Xa teñen desenvolvido aspectos do Acordo para a Mellora da Administración Publica, como a “funcionarización” sem consolidación de miles de postos de traballo, co silencio “complice” das cúpulas dos sindicatos maioritários CCOO-UXT-CIG.
Desde diversos sectores de traballadores / as comezouse a loitar, com folgas em Ferroatlántica, Pescanova, Correos, etc.; mas as que deron um paso adiante foron as traballadoras de Política Social e do Consorcio de Igualdade, mulleres precárias como a maioria da clase obreira global, que son um exemplo desa reorganización em Galiza.
Souberon mobilizarse a pesar dos aparellos sindicais que non defenden os seus interes pero asinan acordos no seu nome, sem a menor consulta; souberon monta-la sua própria organización e se aliar com outras companheiras (sanidade, bibliotecas, forestais, ...) , para, pasando por riba das siglas e das división administrativas entre sectores laborais da administración, convocar umha manifestación o 16 de marzo, na Marcha do Persoal Precario da Administración.
Ese exemplo de unidade por cima das siglas das traballadoras de Política Social/Consorcio é o que para CoBas significa o 1º de Maio; o Dia da Clase Obreira, um dia de loita unitária para todos e todas as que rexeitamos as políticas dos governos e a patronal, sexa o sindicato que sexa, sexa afiliado ou non. O 1º de Maio non é patrimônio de ninguén, senon da propia clase obreira no seu conxunto.
Por este exemplo de unidade chamamos a manifetarse xunto ás traballadoras /es que impulsaron a Marcha do Persoal Precario, o 1º de Maio, ás 12.30 na Porta do Camiño de Compostela, convocada por CUT/SAGAP/CNG/STEG.
Mas a loita continua tras o 1º de Maio; a cotío producense loitas, folgas e manifestacións baixo o signo dunha corrupción galopante que paga toda a poboación traballadora; por iso chamamos a continuar o exemplo de unidade na Loita, que tem um data concreta no que expresarse, o 27 M em Madrid, coas Marchas da Dignidade, polo Pan, o Traballo, o Teito e a Igualdade.