Logo do fraudulento ERE que a empresa aplicou a finais do pasado ano, Extel volve atacar o emprego, desta volta cunha modificación substancial colectiva das condicións laborais que, de efectivizarse, afectará a 334 traballadores/as da Coruña, dun total de 857 persoas afectadas no estado. Ao igual que ocorreu co ERE, a modificación das condicións de traballo golpea maioritariamente á plataforma da Coruña e prexudica tanto ao persoal con xornada parcial como ao que está a xornada completa.
Extel xustifica esta medida no cambio de horario comercial do servizo 1004 de Movistar que recortara as horas de atención telefónica, pasando de atender a clientela das 08:00 horas ás 00:00 horas, a funcionar só de 09:00 a 22:00 horas. Porén, como única documentación acreditativa, Extel achega a carta remitida por Movistar comunicando os cambios no 1004.
Para a Sección Sindical da CIG, a decisión de Extel resulta desproporcionada e carece de fundamento, pois a empresa nin busca adaptarse aos novos cambios, nin tenta sequera xustificar perdas económicas polo cambio de Movistar. Entenden que con este novo golpe, a dirección pretende acadar pola vía da modificación das condicións laborais o que non logrou pola vía do ERE: reducir o cadro de persoal a prezo de saldo.
A primeira reunión do período de consultas (que remata o vindeiro 25 de maio) tivo lugar o xoves 11 e están convocadas novas reunións en Madrid para mañá, martes, e o mércores 17. "O que propón Extel é un ataque salvaxe. Un simple correo de Movistar non é suficiente para acreditar as causas e para semellante medida, nin aceptamos as propostas da empresa, nin imos asumir reducións de xornada ou que se toquen as gardas legais", aseveran dende a Sección Sindical.
En resposta ás pretensións da empresa, a CIG ten convocada greve de 24 horas na plataforma da Coruña para o vindeiro xoves 18 de maio e unha concentración de traballadores/as ás 12:00 horas diante do Edificio Proa en Matogrande. Ademais, ese mesmo día, celebrarase asemblea de persoal (ás 13:15 no salón de actos do Edificio Sindical) para informar das xuntanzas coa empresa e avaliar outras accións e mobilizacións.
Recorte de horas, traballo en fin de semana e xornada partida
Sobre a modificación substancial, Extel ten intención de estender a xornada do persoal a tempo parcial para meterlle o máximo número de fins de semana posíbeis, pero reducíndolle as horas de traballo (co conseguinte recorte dos salarios). Para os traballadores e traballadoras a tempo completo, Extel quere implantar o horario partido e que traballen tamén nas fins de semana. É dicir, dificulta a conciliación da vida laboral e familiar e ao tempo reduce considerabelmente os xa cativos soldos das/os traballadoras/as a tempo parcial.
Neste senso, hai que subliñar que o persoal con xornada parcial ao que lle reducen horas, traballa en gran medida na quenda de noite. Isto permítelles cobrar os correspondentes pluses de nocturnidade transporte, que agora verán eliminados. "Recórtanlles a xornada, perden os pluses e teñen que traballar en fin de semana; é dicir, Extel failles perder cartos por todas as partes", denuncian.
Xunto a isto, a Sección Sindical da CIG explica que no caso das persoas con garda legal ou no dos colectivos protexidos, a empresa afirmou que lles respectará a xornada, pero na realidade obrigará a estas traballadoras/es a ter que adaptar a súa xornada ao novo horario comercial de Movistar. "Isto provocará que moitas compañeiras se vexan obrigadas a reducir aínda máis as horas de traballo para poder compaxinar as súas obrigas familiares coas laborais ou directamente, a ter que abandonar o seu emprego".