"A auga é vida, a auga é un ben común de todas, malia que empresas como Aqualia pensen o contrario. Para eles a auga é un negocio máis. E nos seus negocios as nosas necesidades non teñen cabida, por iso non dubidan en cortarnos a auga cando non podemos pagar as elevadas facturas" din do ODS Coia.
Tras varias accións decidiron concentrarse diante das oficinas que Aqualia ten na rúa Venezuela. Alí berraron: “Aqualia escoita a auga non se corta”, “Ningún negocio coas nosas necesidades”, “Non máis cortes auga para todas”. Hai uns días tiveron unha xuntanza con responsables da empresa os cales responderon como solución atender individualmente cada corte de auga. Explicáronlle, daquela, que estabamos diante dun problema colectivo e que os dereitos non se cortan. "Semella que o máximo responsable da empresa na cidade, José María Ardoy, non foi quen de atopar solucións. Por sorte, isto si que é un problema persoal: se Ardoy ten vontade rematan os cortes de auga na cidade. Agardamos que a mobilización de hoxe o anime a tomar esa decisión", explican.
Pecharon o acto en Aqualia logo de ter unha breve conversa cunhas das responsables da empresa, encontro que aproveitaron para trasladarlle as súas reivindicacións. Explicoulles que eran coñecedores do problema pero que a responsabilidade era do goberno municipal. Recollendo as súas verbas dirixíronse até a casa do concello.
Xa no concello tres compañeiras subiron á concellaría de fomento para tratar de falar con David Regades. Non se atopaba e foron despachadas por un funcionario que dixo que non ian ser atendidas xa que na cidade “non se lle cortaba a auga a ninguén”. "Ficamos estupefactas e así fomos até Benestar Social sabedoras de que o departamento concede, todos os meses, axudas para este concepto". Isaura non se atopaba por estar de baixa, porén falaron co xefe de servizo. El explicou que non podía dar eses datos, pero afirmaba que si había cortes de auga na cidade e que dende o departamento intentaban palialo cos recursos que teñen.
"Ficou de manifesto que nin Aqualia, nin o goberno municipal queren resolver este problema. Nós seguiremos até atopar solucións: Auga para todas. Os dereitos non se cortan!".