Ante o Día da Patria
Por un 25 de Xullo de Clase
No ano 10 da crise do capitalismo chamada “Gran Recesión”, non é certo que haxa “recuperación”: o capital non ten sectores onde investir con garantías de beneficio, e seguen saqueando as contas públicas.
Os benefícios empresariais baséanse, como moito, num aumento da explotación da clase traballadora, das rebaixas dos salarios con perda de dereitos sociais e políticos e na precariedade a todos os niveis, nas administracións e na empresa privada; nos recortes na sanidade, na educación e nos servizos sociais para mellor privatizar.
Esta concentración do capital e do poder en poucas mans ten outra vítima, os pobos que, como o galego, son periferia dentro de estados que tamén son periféricos, o Estado Español.
As políticas da Xunta, en consonancia coas do Estado e a UE, desmontan o seu aparello produtivo ao servizo da división do traballo da clase obreira, da exportación de materias primas e man de obra, ou da simple conversión na marisquería do Estado e de Europa. As políticas de transporte que fomentan as conexións co centro do estado (AVE a Madrid), marxinando zonas enteiras de Galicia, desde urbanas como Ferrolterra, ata o rural en xeral, teñen esta finalidade.
Este desmantelamento consciente e planificado polos poderes estatais, desenvolvido pola Xunta de Feijoo, ten no empresariado galego o seu principal aval. Ás multinacionais como Inditex, conserva, cervexas ou aluminio,... non lles importa a realidade galega. Chégalles con ter boas comunicacións para enviar as súas mercadorías.
O resto do capital vive das migallas que caen das subvencións da mesa do Estado. Confúndense de xeito total os que esperen por un proxecto nacional burgués galego; estes decidiron hai anos ser “cola de león, no canto de cabeza de rato”
Coa profundización da crise, as súas consecuencias están a golpear na clase traballadora e o pobo traballador galego. Con salarios dos máis baixos do Estado, coa taxa de precariedade máis alta, a taxa de desemprego tapada pola emigración de milleiros de mozos e non tan novos, non se pode esperar por un proxecto inexistente; a que o BNG atope o seu Artur Mas, ou En Marea camiñe cara un proxecto máis nacionalista.
A tarefa da loita pola soberanía nacional galega non ten nada de burguesa, é traballadora. A loita polos dereitos laborais e polos dereitos sociais, están totalmente imbricados coa loita contra todos os capitalistas e as súas institucións (a Xunta, o Estado e a UE), incluso os que reivindican-se “galeguistas”.
Impulsar un Bloco de Clase e Combativo
A crise e as súas consecuencias non son exclusivas da clase traballadora galega, senón que son parte do proxecto que se chama Unión Europea, que destruíu Grecia e empobrecido o resto como os centos de miles de xubilados alemáns traballando cos “minijobs”, ou as reformas laborais en Francia. Por iso, a resposta ten que camiñar na senda da unidade contra o inimigo común.
Neste 25 de Xullo, a clase traballadora galega ten que tomar o protagonismo que lle corresponde polo seu papel na sociedade; non pode esperar a ningún “salvador” doutra clase social, senón que ten que visualizarse a súa alternativa: a loita por unha Europa dos Traballadores/as e os Pobos, que rompa coa UE e o Euro. Para reconstruír a unidade da clase obreira, colle toda a súa forza a loita polo dereito a decidir do pobo galego a súa relación co resto do mundo.
A tarefa das organizacións sindicais, políticas e sociais que se reivindican da clase traballadora é a de impulsar este 25 de Xullo un Bloco de Clase, Combativo, que poña no centro os dereitos laborais e políticos da clase traballadora.