O Comité que representa as trabalhadoras e trabalhadores da CRTVG convocou umha concentraçom às 12 horas de hoje, como "condena" da cobertura informativa dos meios públicos dependentes da Junta da Galiza, exigindo também a demissom do secretário geral da Corporaçom, Alfonso Sánchez Izquierdo.
A companhia, ferreamente controlada polo Executivo autonómico do PP, ocultou informaçom e reagiu tardiamente a umha crise sem precedentes na Galiza, o que para os sindicatos do pessoal da CRTVG é "vergonhoso", incidindo no "escasso interesse" que semelhante jornada tivo para os meios públicos galegos.
Reproduzimos a seguir o comunicado público emitido hoje mesmo polo referido Comité Interempresas e recebido polo Diário Liberdade:
O COMITÉ INTEREMPRESAS DA CRTVG ESIXE A DIMISIÓN DO DIRECTOR XERAL E RESPONSABLE DE INFORMATIVOS POLA COBERTURA DOS LUMES DO 15-O
Convoca aos traballadores dos medios públucos a unha concentración de protesta hoxe ás 12 horas diante do despacho de Sánchez Izquierdo
San Marcos, 16 de outubro de 2017
O Comité Interempresas da CRTVG condena a cobertura informativa que os medios públicos de Galicia realizaron onte domingo 15 de outubro dos lumes que asolagaron o país. A representación do persoal esixe a dimisión do director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, como máximo responsable da nefasta xestión da cobertura informativa, así como o cese inmediato da responsable dos Informativos, Concepción Pombo Romero, que non se presentou na redacción ata preto das once da noite.
O Comité critica o que considera unha reacción tardía e motivada polas críticas contra a TVG e a RG que comezaron a medrar a primeiras horas da tarde nas redes sociais, cando agromou na sociedade galega a indignación sobre a falta de información desde os medios públicos. Os sindicatos consideran vergoñenta a cobertura duns dez minutos que se deu da situación no telexornal mediodía, seguida dun miserento avance informativo de apenas sete minutos por volta das oito da tarde, cando os incendios levaban máis dun día causando estragos. No telexornal da noite volveuse repetir o pobre esquema do informativo do mediodía; non chegando o verdadeiro especial ata as once da noite, cando xa era tarde para prestarlle a un país asfixiado os datos necesarios para reaccionar ante unha traxedia que mesmo se cobrou a vida de tres persoas. En opinión do comité é a tradicional política de ocultamento dos lumes por parte da dirección de informativos a que impediu tamén nesta ocasión relatar a realidade conforme a criterios profesionais, e non, coma en anteriores ocasións, estritamente partidistas.
O Comité critica que, mentres o persoal que non estaba en quenda chamaba á cadea para ofrecerse para traballar voluntariamente, as mochilas que permiten gravar e emitir en tempo real estaban ocupadas (algunhas desde o mediodía) con retransmisións deportivas de escasísimo interese nun día negro coma o que viviu Galicia onte. Denuncia o comité ademais o desmantelamento das delegacións territoriais da CRTVG, que onte, cun persoal en cadro, non deron abasto, non activándose en ningún momento unha convocatoria especial de máis traballadores e traballadoras, cousa que si se fixo, en cambio, o pasado 1 de outubro, coa cobertura do referendum catalán.
O Comité Intercentros convoca a todos os traballadores e traballadoras da CRTVG a unha concentración de protesta diante do despacho de Alfonso Sánchez Izquierdo. A cita, ás 12 desta mañá, terá como lema “por un pobo informado. Sánchez Izquierdo dimisión”.