Diante desta gravísima situación, as organizacións sindicais representativas dos profesionais do Servizo de
Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (Spdcif) da Consellería de Medio Rural, queren
resaltar o traballo de todos ós traballadores e traballadoras que están participando, ata a extenuación, nas
labores de coordinación, dirección, vixilancia e extinción, tanto no propio Spdcif, como nas diferentes
administracións, entes e empresas que forman parte do dispositivo de loita contra o lume nesta dura
campaña.
Trala vaga de incendios de 2006, despois dos devastadores incendios das Fragas do Eume e Xurés no ano
2012, os de Oia e Carnota no 2013, o de Cualedro no 2015, dende as catro organizacións sindicais,
advertimos ós responsables da Xunta de Galicia de que iso podería pasar se non se adoptaban as medidas
necesarias.
Os sindicatos representativos, ofrecéronse en todo momento a un diálogo contrucivo cos responsables da
consellería de Medio Rural para que Galicia volvera dispoñer do dispositivo que sexa acorde coas
necesidades do noso país na prevención e loita contra os incendios forestais. Fronte ó modelo de
dispositivo fragmentado e privatizado que despregou a consellería de medio rural – e que condena ós
traballadores a unhas condicións laborais e salariais inxustas e precarias- as organizacións sindicais
propuxeron un modelo público e único dependente do propio Spdcif como garantía de eficacia
contrastada e de servizo á cidadanía; un modelo no que os procesos de selección sexan únicos para todos e
con listas únicas de contratación para que todos aqueles profesionais que se enfrontan ós incendios
forestais teñan os mesmas esixencias de partida; un modelo que remate coa incertidume profesional do
elevado número de interinos que existe actualmente e que supón 1/3 dos profesionais do Spdcif; que
remate coa precariedade dos traballadores que actualmente son contratados durante 3 e 9 meses para que
se poidan desenvolver a necesarias tarefas de prevención durante os meses de inverno; un modelo que
recoñeza o traballo desenvolto polos traballadores como bombeiros forestais; un modelo que atenda á
adecuada formación e promoción profesional dos traballadores para enfrontarse con máis garantías a lacra
dos incendios; un modelo, en suma, que remate coa privatización e fragmentación do dispositivo o que
redunda nunha menor eficacia e maior desprofesionalización.
Para lograr isto, as organizacións sindicais, esixen á consellería a que abra inmediatamente as mesas de
negociación necesarias para lograr todos estes obxectivos e iniciar, así, o camiño para que Galicia deixe de
ser triste apertura de titulares e portadas de medios de comunicación, para que remate o sufrimento da
xente e a destrución do noso patrimonio natural.