En novembro de 2015, a Deputación Provincial da Coruña asinou un convenio con Unipublic, organizador da “Vuelta Ciclista a España”, no que se establecía que unha das etapas finalizaría na Vixía Herbeira.
A finais de xullo de 2016 comezaron as obras de creación dun aparcamento a carón da estrada CP-2205 na Vixía Herbeira, na zona da chegada da etapa prevista para o 23 de agosto dese ano.
A primeira intervención foi un desmonte en terreos parcialmente incluídos nun espazo protexido: o Lugar de Importancia Comunitaria ES1110002 “Costa Ártabra” (FOTO 1). Seguidamente procedeuse a encher a área desmontada con grandes pedras (FOTOS 2 e 3), e antes do 14 de agosto de 2016 a zona desmontada asfaltouse totalmente, e comezou a usarse como aparcadoiro de vehículos (FOTOS 4 e 5).
Non temos constancia de que esta obra contase con calquera tipo de estudo ambiental, necesario tanto pola súa extensión como por afectar a un espazo natural protexido; nin tan sequera coa pertinente autorización do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, polo que se podería cualificar de presuntamente ilegal.
IMPACTO ECOLÓXICO
A zona afectada polas obras inclúe hábitats de interese comunitario considerados prioritarios que se atopaban dentro do propio espazo protexido, como o 4020 “Urceiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix” e o 4030 “Urceiras secas europeas”.
Ademais, tras a chegada da etapa da “Vuelta Ciclista a España” á Vixía Herbeira o 23 de agosto de 2016, constatouse unha cantidade considerable de lixo (sobre todo plásticos) botado sen control polos arredores da zona da chegada, afectando a terreos dentro do espazo protexido. Este lixo continuaba sen ser recollido ao día seguinte (FOTOS 6 e 7).
O Grupo Naturalista Hábitat, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) solicitan que se investiguen a fondo estes feitos, para aclarar o papel xogado pola Deputación Provincial da Coruña, así como polo Concello de Cariño, nesta obra presuntamente ilegal dentro dun espazo protexido.
Galeria fotográfica
Se nom podes ver as fotos abaixo, click aqui.