A voz de alarme foi dada pola associaçom 'Divulgaçom', que enviou umha carta à direçom da Biblioteca e fijo pública a sua denúncia pola divulgaçom de reiki, quántica e outras supostas “terapias alternativas energéticas".
A preocupante divulgaçom de atividades alegadamente "alternativas", de caráter privado, sectário e anticientífico, está a florescer no nosso país, por vezes com apoio de instituiçons públicas, como neste caso.
Reproduzimos a seguir a carta remetida pola associaçom 'Divulgaçom' em relaçom com este assunto:
Carta enviada á Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola
Vigo, 2 de setembro de 2016
Estimados señores,
Recentemente tivemos coñecemento de que a súa institución, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola acollerá o vindeiro 7 de setembro unha conferencia sobre Reiki, cuántica e outras “terapias” enerxéticas.
Supoñemos que a actividade foi autorizada polo centro dende a boa vontade, máis consideramos que é un evento pouco apropiado para ser acollido por unha institución sostida con fondos públicos.
O Reiki é unha práctica pseudocientífica que trata de curar o paciente canalizando unha suposta “enerxía vital universal” a través da imposición de mans, chegando a afirmar que pode curar tan só cun alento, cunha mirada e tamén a distancia. Os que ofrecen estas terapias tratan de convencer da súa grande potencialidade para curar moitas enfermedades, incluidas enfermidades graves coma o cancro ou a sida. Non obstante, a revisión sistemática de probas clínicas (dobre cego) non ten atopado evidencia ningunha da súa eficacia. A medicina holística cuántica e a bioenerxía como medicina son unha fraude.
Este tipo de prácticas pertencen ao eido das crenzas e non poden ser consideradas fiables. Se estas pseudociencias son presentadas como métodos alternativos de curación, o perigo potencial é significativo.
Segundo a UNESCO, as bibliotecas públicas nacen para responder á necesidade e ao dereito de toda a cidadanía de participar do coñecemento. Tamén para sensibilizar a poboación, entre outras, das innovacións tecnolóxicas e os logros científicos. Acoller eventos sobre estes pseudotratamentos que ofrecen “terapias” alternativas pode levar á confusión e fomentar o abandono da medicina real, ao trasladar as esperanzas a un milagre baseado en “técnicas” non fiables.
Quedamos á súa disposición para achegar toda a información que consideren necesaria.
Esta carta ten o apoio expreso de:
Divulgacción – Asociación Galega de Comunicación e Cultura Científica e Tecnolóxica
Círculo Escéptico
Sociedad para el Avance del Pensamiento Crítico (ARP-SAPC)
Asociación para Proteger al Enfermo de Terapias Pseudocientíficas
Red de Prevención Sectaria y del Abuso de Debilidad (RedUNE)