É o emprendemento unha alternativa laboral para a mocidade? Hai ideoloxía detrás deste chamamento?
O sector da mocidade é un dos máis afectados pola crise económica capitalista. Galiza perde 315 mozas ocupadas á semana, o desemprego atinxe a máis do 40% da mocidade e desde comezos da crise emigraron máis de 100.000 mozas galegas. Ademais, máis do 90% dos novos contratos son de carácter temporal o que contribúe a profundar nun emprego precario no que o capital gaña e a clase traballadora perde. En definitiva, as medidas económicas levadas adiante non contribúen máis que para agravar os nosos problemas (precariedade, temporalidade, emigración, non dereito a sindicarse, etc).
Fronte a esta situación, o sistema impulsa grandes campañas como o “Plan de Garantía Xuvenil” co obxectivo de incentivar o emprendemento entre a mocidade. Os partidos do sistema chegaron á conclusión que o índice de desemprego xuvenil é consecuencia da falta de emprendemento, e co favorecemento de políticas incentivadoras é posible dar a volta ao taboleiro.
Está a mocidade no paro por non facerse empresaria? A resposta é non. Diversas estatísticas indican que a taxa de emprendemento no estado español é superior á dos principais estados da Unión Europea. Porén, estes estados teñen un nivel de desemprego cuantitativamente menor. Polo tanto non é certo que o alto porcentaxe de desemprego teña relación directa con decidir ou non facernos empresarios.
Ao contrario do que nos vende o sistema, o espírito emprendedor está vinculado coa precariedade, xornadas laborais interminables e baixos salarios. Por unha parte, oito de cada dez PEMES non sobreviven ao seu primeiro ano de vida e nove de cada dez non chegan aos cinco anos. Por outra, é preciso explicar que isto non é consecuencia da nefasta xestión do negocio ou por ter ideas malas; a desaparición da PEME ten relación directa coa fase na que se atopa o sistema capitalista que non é outra que a de acumulación de capital en poucas mans. Polo tanto non é posible competir cos monopolios e o emprendemento non é unha alternativa laboral para a mocidade.
Hai ideoloxía detrás deste chamamento de políticos e empresarios?. Por suposto que si. O conto chino que explica que emprender é sinónimo de benestar social queda desmontado despois das cifras que vimos de aportar. É obvio que por detrás destes cantos de serea está a lexitimización das políticas neoliberais (precarización laboral) e dun pensamento que non ten base material algunha. Mentiras que buscan xustificar as reformas laborais e facernos escravas por salarios miseria.
Desde Primaria ata Formación Profesional e Universidade converteron o ensino nun novo nicho que funciona baixo as lóxicas do mercado, primando a competitividade e o emprendemento por enriba da socialización e a aprendizaxe. O adoutrinamento no sistema educativo chega con leis como a LOMCE, a cal contribúe a mercantilizar o ensino en detrimento dun modelo científico, educativo e popular.
Polo tanto, nunhas datas como estas temos que reflexionar. O emprendemento non é unha solución para os graves problemas que sofremos a mocidade traballadora. Queremos un futuro digno na nosa terra onde a precariedade e o desemprego non sexa o motor que rixe a nosa historia. E isto pasa por transformar a nosa rebeldía en organización cara a construción da nova sociedade