É dicir, que nun ano nacen por cada mil galegos, 7 crianzas. Un dato que nos sitúa como o país do mundo coa taxa de natalidade máis baixa se nos comparamos cos perto de estados que existen. O segundo país coa taxa bruta de natalidade máis baixa do planeta é Bosnia Herzegonina, e ten un 7,6%, porcentaxe que supera en 5 décimas á galega. E Xapón, terceiro país neste triste ranking ten unha taxa do 8%. A media no Estado español supera o 9% e na Unión Europea sitúase por riba do 10%. Xa non falemos de Níxer ou Mali, cun 45% de taxa bruta de natalidade.
Así que temos un grave problema. Volveu evidenciarse en 2015, un ano no que o número de nacementos (19.412) ficou moi por baixo do de defuncións (31.681). Unha fenda que se plasma nun saldo vexetativo de -12.269. Unha diferenza tan alta non se rexistrara até o de agora. Levamos desde 1987 (vai para 30 anos!) sen ter un saldo vexetativo positivo.
Por baixo
A isto engádese que temos dos índices de fecundidade máis baixos. Ou sexa, que estamos entre aqueles territorios onde o número de fillos e fillas por muller ao longo da súa vida fértil é menor. Galiza forma tridente con Asturies e Canarias. E moi perto delas está Madeira(Portugal). Son catro territorios en serio risco do que se denomina 'inverno demográfico', con baixas taxas de fecundidade e natalidade, e poboación aventellada.
En Galiza o índice de fecundidade é de 1,07, moi afastado do que organismos internacionais marcan como mínimo necesaripo para garantir o relevo xeracional, é dicir, a fecundidade necesaria para garantir a substitución dunha xeración por outra de igual tamaño. É o que se denomina a taxa de reemprazo xeracional e os expertos sitúana no 2,1. En Galiza estamos na metade.