Unha compañeira, perceptora de RISGA, mudou neste verán a súa residencia para Nigrán. Dende ese momento comezaron os problemas cos servizos sociais: visitas domiciliarias sen concertar, control excesivo, responsabilización e xuízos de valor, ameazas de perder a prestación, etc. Para a nosa sorpresa, non era un caso illado.
Nos días previos á concentración de onte contactaron con o ODS Coia persoas que sufriran experiencias semellantes nos servizos sociais desta localidade. Unha delas relatou que lle recoñeceran nos xulgados a RISGA que nos servizos sociais de Nigrán lle negaran.
O alcalde, Juan González (PSOE), achegouse á concentración onde conversou coas presentes. Alí cruzou palabras con veciñas, tamén afectadas por este modo de “entender” o traballo social e con compañeiras que lle lembraron a súa responsabilidade á hora de transformar esta situación.