Unha explotación a ceo aberto con tratamento de cianuro, unha das técnicas mineiras máis agresivas do mundo. É unha das primeiras novas que se tiveron do proxecto da mina de Corcoesto en 2013. O activismo veciñal e ecoloxista conseguiu parar a desfeita e disto precisamente trata Tesouro de Corcoesto que o Centro Social Autoxestionado A Comuna (Verea do Polvorín, 35) proxectará mañá a partires das 20.00 horas.
Este documental, dirixido por Cora Peña, foi posible grazas ao micro mecenado de 180 persoas e asociacións e cómpre difundilo porque amosa a realidade dun modelo extractivo que se pretende instituír en Galicia e que partía coa instalación desta mina de ouro en Corcoesto, punto de inicio dun plan de manexo do territorio posto en marcha pola Xunta de Galicia.
O documental, que tardou dous anos en completarse, comeza a rodarse cando o proceso de implantación da mina xa estaba iniciado e o activismo local xa levaba meses en loita. Por este motivo, os activistas de Contramínate Asociación Ambiental estarán presentes. Coa súa testemuña poderemos complementar o debate posterior e entender moito mellor a realidade que o documental nos amosa.
Tesouro de Corcoesto fálanos da crecente e perigosa escisión entre sociedade e natureza que propón o modelo de produción capitalista que nesta ocasión sucedeu nunha pequena parroquia da Costa da Morte pero que se produce todos os días a nivel global.
Título: Tesouro de Corcoesto (Cora Peña 2016)
Día: Venres 30 de Setembro de 2016
Hora: 20:00 horas
Lugar: Centro Social A Comuna
(Verea do Polvorín, 35)