O obxectivo deste obradoiro é propoñer desde un punto de vista práctico, as diferentes tarefas necesarias na comunidade educativa para abordar o fenómeno do maltrato entre iguais de forma preventiva e tamén a nivel de intervención co alumnado. Ao longo da xornada haberá ocasión de afondar no emprego de protocolos de análise do fenómeno do acoso, de propor diferentes métodos de detección, de avaliación e de medición do maltrato entre iguais, así como de analizar accións dirixidas á prevención. Rematarase cunha proposta concreta de intervención que implica tanto á vítima como á persoa agresora e tamén ás persoas espectadoras que presencian o acoso.
José María Avilés Martínez é doutor en Psicoloxía e autor de numerosas publicacións sobre o bullying, ademais de xefe do departamento de orientación do IES Parquesol de Valladolid. Tamén é profesor asociado no departamento de Psicoloxía da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Valladolid.