Os responsables sanitarios, sen identificar a quen causou os danos, estableceron que o culpable debía ser algún paciente residente no Hospital, e para evitar que se continuasen repetindo os feitos, adoptouse por quen ten poder para facelo (xestores e profesionais) a medida de prohibir a saída ó exterior de tódolos ingresados.
Se miramos o que se protexe (a propiedade dos coches) e o que se dana ca acción restritiva (a liberdade e a dignidade das persoas ingresadas), veremos que non hai comparación posible. Poderían e deberían terse adoptado outras medidas para protexer a propiedade, pero foi a restrición da actividade e da escasa liberdade dos residentes a que se implantou. É unha decisión fácil e barata e, ademais, a capacidade de protesta dos afectados pola restrición dos seus dereitos é escasa ou case nula.
Non consta que se abriran interrogantes nos responsables sanitarios sobre os motivos deses actos, o cal é sorprendente si é que foran protagonizados por pacientes psiquiátricos institucionalizados, xa que nese caso poderían ser signos de protesta contra algo ou alguén, de malestar, mesmo de descompensación ou agravamento do/s autor/es, ou de moi mal funcionamento da institución.
Aplicouse unha medida que só é, mire como se mire, un castigo colectivo, prohibido ata nos cárceres.
É así que a medida adoptada pasa a ser un síntoma da situación de abandono asistencial e marxinación na que se atopan os pacientes psiquiátricos residenciais, diante dos cales están incrementadas as obrigas públicas de coidado sanitario e de respecto aos seus dereitos (por xestores e profesionais) debido á sua indefensión. Sen embargo, os recursos para atendelos, coidalos e facilitar a sua recuperación en todo o posible, son moi escasos ou inadecuados; e a pesar da sua gravidade non son unha prioridade sanitaria senón todo o contrario.
Debe levantarse ese castigo colectivo de inmediato e non ha de repetirse. Urxentemente os responsables sanitarios de Lugo (Xerente e Xefe de Servizo de Psiquiatría) xunto cos representantes sindicais, e as asociacións de familiares e de profesionais, deben revisar dende unha perspectiva de dereitos humanos a situación na que se atopan os pacientes no Hospital de Calde, as dotacións profesionais do mesmo (cantidade, cualificación e formación),o seu réxime de funcionamento, e a existencia de plans terapéuticos e de coidado individualizados, xunto coas medidas para protexer da mellor forma os bens materiais.
Institucións coma o Hospital de Calde que, no seu funcionamento son capaces de adoptar medidas como a aquí denunciada e aplicalas como se foran normais, son institucións daniñas tanto para quen nelas residen como para quen nelas traballan.