MARCOS SUÁREZ; fundador e creador desta rede social galega; da cal viña sendo, ao mesmo tempo, o seu titular comunica que de agora en diante a titularidade de CAXIGO pasa a pertencer á Asociación APRODIGA, na cal seguirán todos os membros do equipo actual e algunhas outras novas incorporacións. Deste xeito intentan seguir avanzando coa rede dunha maneira máis profesional, medrando e mellorando en todos os sensos e aspectos.
Incorporan moitas novidades e funcionalidades que os usuarios pedían; así como a posibilidade de colaborar, dun xeito voluntario e/ou altruísta, no seguinte enlace: https://caxigo.gal/achegas
Isto fará posíbel a continuidade e mellora da rede. Lembran que se trata dunha Asociación cultural sen ánimo de lucro e que polo tanto non buscan nin pretenden beneficio propio algún. As persoas que lle dedican tempo a este sinxelo, pero engaiolante, proxecto fanno desinteresadamente en beneficio da fala, da cultura e da idiosincrasia do pobo galego.
Este cambio non afectará, en ningún caso, á continuidade nin ás condicións. Pola contra, axudará a que o vieiro que comezan a percorrer a finais do ano 2012 se vaia convertendo nunha fermosa e saudábel andaina sen retorno; así coma nunha ferramenta para conquerir un abrente pintado de esperanza sempre limpo de imbéciles e escuros.