Cabe lembrar que, co actual mapa de emerxencias, no concello de Teo corresponderíalle ter actuado aos efectivos do parque comarcal de Ordes, a mais de 30 km de distancia, e que ao non estar amparados pola activación de ningún Plan de emerxencias (PLATERGA), cae sobre o propio servizo de Santiago tomar a decisión de se cumprir coa legalidade e aterse ao seu ámbito de actuación, ou tomar a decisión de intervir a costa de vulnerar o seu ámbito territorial, expoñer aos seus efectivos a unha situación de inseguridade laboral (acusación de abandono do posto de traballo, cobertura en caso de accidente...), e sobre todo, de deixar a capital de Galicia desatendida.
Nesta ocasión, ao ter constancia da existencia de vidas en perigo, a decisión foi inmediata e como resultado a actuación foi rápida, conseguindo controlar o sinistro antes xa de que chegaran a presentarse outros servizos no punto, e realizando posteriormente a evacuación controlada da xente que asustada polo fume quedara atrapada nas súas vivendas. Noutras ocasións, cando a información non é completa, ou ao non haber vidas en perigo, non é así e as consecuencias de sinistros menores poden acabar derivando en grandes perdas ou agravamento do risco para a vida das persoas. Durante toda a intervención, Santiago quedou atendida unicamente por un efectivo.
As e os bombeiros expoñen unha vez mais a insostible situación da xestión de emerxencias en Galicia, que no ámbito mais inmediato de Santiago supón que mais de 50,000 persoas teñan que ser atendidas por un parque a mais de 30 km, "sen mínimo de efectivos para levar a cabo intervencións con garantías (problema común dos servizos comarcais en Galicia)", e que teñen que atravesar o termo municipal de Santiago. A falta dun marco regulador impide tamén que nestas ocasións nas que diferentes servizos chegan a coincidir haxa unha integración clara na intervención, ao non existir unha estrutura de mando único, carencia de protocolos de colaboración, multiplicidade de organizacións e uniformidades, e independencia dos sistemas de comunicación.
A distribución competencial en cuestión de emerxencias non facilita a integración dos sistemas existentes, e no entorno de Santiago podemos atopar dende concellos de mais de 20,000 habitantes que estarían obrigados a dispoñer de servizo propio, cumprindo Santiago con esa obriga e Ames non, a outros que por non acadar esa poboación teñen as competencias derivadas nas Deputacións. "Compre buscar unha solución que dunha vez por todas dea resposta á necesidade dos veciños con independencia de onde habiten. Dita solución ten que garantir que todas as administracións afectadas sufraguen a parte correspondente do servizo, pero por enriba de todo ten que estar correctamente dimensionada en persoal, material e formación e non consistir simplemente na ampliación do ámbito competencial dun servizo que a día de hoxe xa ten unha plantilla moi mermada e avellentada, entre outras cousas debido á taxa de reposición que impide ampliala, e que nos últimos nove anos non tivo ningunha incorporación".
Con todo, o problema non é exclusivo da comarca de Santiago, senón extensivo a toda Galicia, cuberta maioritariamente con parques comarcais de xestión privada "con dotacións insuficientes, que non só non poden dar a efectividade que se requeriría, senón que pon en perigo aos propios intervenientes, así como con outros servizos que sen ser bombeiros, dun modo ou outro lles atribuen funcións propias dos bombeiros (caso dos GES, creados coa función de acceder a fondos FEADER para prevención de incendios forestais, pero empregados para todo tipo de intervencións)". Mais aló de posibles solucións locais, como podería ser no caso de Santiago, "temos que facer fincapé en que no 2007 se aprobou a Lei de Emerxencias de Galicia", que daba a Xunta un marxe de tres anos para homoxeneizar as prestacións e condicións de traballo en todo o territorio de Galicia dos servizos de extinción de incendios e salvamento, seis meses para elaborar un plan director dos servizos contra incendios e salvamento que definise o modelo de reordenación territorial e a súa estrutura operativa, e un ano para a elaboración dun regulamento do bombeiro profesional. Nada diso se fixo nos nove anos previos, "facendo mesmo mais heteroxéneo o sistema inventando novos servizos intervenientes", nin "se nos deu resposta ao colectivo cando solicitamos iniciar os procedementos e aportamos as nosas propostas".
"Mentres os responsables non cumpran coas súas obrigas, os bombeiros seguiremos a ter que soportar responsabilidades que non nos corresponden, non poderemos coordinar con efectividade as actuacións conxuntas, e os cidadáns (nos tamén o somos!) recibiremos un servizo ou outro simplemente en función de que vivamos a un ou outro lado dun regato que delimite ámbitos de actuación" - explican da MIBG.