Desde Touradas fóra de Pontevedra rexeitan a utilización de camelos e cabalos na cabalgata de Reis que organiza cada ano o Concello de Pontevedra. Solicitan á institución local a reorganización deste festexo que conta con animais alleos ao noso medio ambiente e traídos en condicións pouco recomendables como demostra o accidente do pasado ano. Para Touradas fóra de Pontevedra, non é necesario usar animais nunha actividade destas características.
Á beira doutros concellos, animan a que Pontevedra dea un paso adiante. "O que vale para outras cidades tamén pode valer para a Pontevedra. Como xustificar a presenza de camelos e cabalos nunha cidade declarada libre de circos con animais?"
Touradas fóra de Pontevedra pregunta: realmente é necesario que a cabalgata de Reis empregue animais? Non poden estes ser substituídos por elementos que figuren cabalos ou camelos como se fai cos dragóns na Feira Franca? Non sería incluso máis seguro para as persoas que asisten á cabalgata que nesta non haxa animais que, por calquera imprevisto, se poidan pór máis nerviosos do que xa estarán polo mero feito de verse rodeados de persoas, luces e música? Non se evitarían desta forma posíbeis accidentes e desgrazas?
Ademais, a decisión de organizar unha cabalgata sen o uso de animais como espectáculo sería un novo paso adiante na demostración dunha maior sensibilidade con respecto aos dereitos e o benestar animal despois do posicionamento contra os circos con animais que se aprobou non hai moito e por unanimidade.
Unha maior sensibilidade por parte das institucións servirá como exemplo positivo para conseguir unha maior sensibilidade por parte de todas e todos, algo que boa falta fai se consideramos os constantes exemplos de maltrato animal que a cada pouco coñecemos a través dos medios de comunicación, das redes sociais ou no noso día a día.
Finalmente, cómpre destacar que a utilización de animais na cabalgata ten relación co convenio do Concello cos irmáns Lozano, propietarios da praza de touros, que cobran una cantidade importante anualmente en concepto de “aluguer” para actividades varias organizadas pola corporación municipal e que revirte indirectamente no negocio taurino. "Deben buscarse alternativas para calquera actividade que implique o uso de animais e eliminar o convenio xa!"