A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) está a traballar, co apoio da Deputación da Coruña, nun novo proxecto de sensibilización e prevención do ictus dirixido a público infantil. Este proxecto está baseado nunha banda deseñada titulada ‘Que sabemos do ictus?’ e creada por Miguel Gallardo, o coñecido autor de María e máis eu e de María cumpre 20 anos.
Para o desenvolvemento do proxecto FEGADACE creou a devandita banda deseñada e unha unidade didáctica que será o guión dos obradoiros ‘Que sabemos do ictus?’, que vai desenvolver en varios institutos de ensino secundario da Coruña e de Santiago durante novembro e decembro. Estes obradoiros están dirixidos ao alumnado de 1º e 2º de ESO e contan con tres eixos de contidos: 1) identificación dos síntomas de alarma do ictus; 2) en que consiste o ictus e as súas secuelas; e 3) hábitos de vida saudábel para a prevención.
A presentación deste proxecto vaise desenvolver o vindeiro mércores, día 9 de novembro, na tenda Alita Comics de Santiago de Compostela, e contará coa coordinadora de FEGADACE, Lucía Mendoza, e co creador da banda deseñada, Miguel Gallardo. Aproveitando a presenza deste último, a Federación Galega de Dano Cerebral organiza un Obradoiro de banda deseñada de temática social, no que Gallardo explicará o proceso de creación de ‘Que sabemos do ictus?’ e expoñerá pautas prácticas para levar os contidos sociais ao soporte cómic. Este obradoiro é aberto e gratuíto. Quen queira seguilo elaborando a súa propia creación, pode levar lapis e papel e contará cun espazo adaptado, con mesas e cadeiras.
O obxectivo deste proxecto é sensibilizar á poboación máis nova sobre o dano cerebral adquirido (DCA), que saiban asocialo co ictus, que é a súa principal causa (no 78% dos casos), crear conciencia da existencia da discapacidade e do respecto á diferenza, sensibilizar sobre a necesidade de levar uns hábitos de vida saudábeis (especialmente no que se refire a alimentación e práctica deportiva) para a prevención e, sobre todo, facelos conscientes de como identificar os síntomas de alarma do ictus para que poidan asistir a calquera persoa adulta da súa contorna no caso do que apareza.