Inmersos nunha profunda crise capitalista, son cada vez máis as mozas e mozos concientes de que este sistema está a destruír o noso futuro. O paro xuvenil atinxe o 50% e o pouco emprego que hai é precario e en condicións de explotación. Con esta situación e os altos prezos da vivenda fan que a independencia sexa unha utopía. Obrígannos a coller as maletas e construír o futuro lonxe da nosa terra. O ensino é cada vez máis elitista, patriarcal e españolizador, centrado nos intereses dos mercados e en converternos en mao de obra barata para os empresarios. Se vives no rural, a estes problemas terás que sumarlle a falta dun transporte público que vertebre a nosa terra e permita conectarnos co resto de vilas e cidades mais tamén a ínfima oferta educativa e laboral, condenándonos a buscar oportunidades na cidade.
A mocidade galega ten moitas razóns para plantar cara aos efectos dun capitalismo que destrúe as nosas vidas. É a hora de organizar a rebeldía en mobilización e loita, porque neste sistema ningún tipo de vida digna é posible. Porque non loitamos só por mellorar as condicións de vida; a reforma do sistema capitalista non rematará coas diferencias de clase polo que é imprescindible dotar estas loitas de contido ideolóxico, tendo o socialismo e o comunismo como horizonte estratéxico, nunha patria independente e soberana.
Fronte o individualismo e o apoliticismo que fomenta o sistema, Isca chama a rebelarse e a dar a batalla. É posible construír outra sociedade, porque a historia demostrou que as grandes transformacións sociais viñeron da loita e da organización, sen medo ao compromiso.
Rachar con España, o capitalismo e o patriarcado son as premisas que levaremos ás vilas e cidades do noso país. Organizar e formarse, loitar a pé de rúa, no movemento estudantil, no sindicalismo de clase, no feminismo, no asociacionismo ou nos movementos en defensa da terra como único camiño para acadar os nosos obxectivos.
"Chamámoste a dar o paso e organizarte con nós, porque a loita da mocidade é imprescindible para construír a sociedade nova do mañá."