Acontece que resulta moi difícil de explicar como unha empresa semipública que custa á cidadanía galega 188 millóns de € todos os anos, e ten case arruinado a moitos concellos coas súas continuas subas das taxas e os seus contratos leoninos, ten uns índices de reciclaxe máis propios do franquismo, concretamente o 3,4% en 2015 (e baixando con respeito aos anos anteriores).
Xa que logo a recente publicación, por imperativo legal iso sí, da memoria de SOGAMA non debeu ser prato de gusto para a conselleira, ou se cadra sí, vista a satisfacción coa que o presidente de SOGAMA e a Sra. Mato presentaban hai uns días as cifras desta memoria longamente agardada.
SOGAMA, exemplo máximo de ineficiencia e fonte de cambio climático
Aparte das ridículas cifras de reciclaxe das que SOGAMA presenta na súa memoria (convintemente camufladas como "índice total de reciclaxe" en lugar de porcentaxes totais), outros datos que chaman a atención son os das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEIs). CO2, metano e óxidos de nitróxeno aumentan en 2015 con respeito a 2009 a pesares de que SOGAMA tratou menos residuos.
Ao compararmos o ano 2015 co 2009 (táboa inicial) e tendo en conta as emisións de GEIs por tonelada "tratada", estas aumentaron para o conxunto dos residuos un 47,7% en 2015, malia a que en 2009 tratáronse unhas 85.000 toneladas máis. E desagregando a incineración do vertido, obtemos que para o queimado, a intensidade de xeración de gases aumentou outro 35% en 2015; e para o vertedoiro subíu nada menos que un 120%, malia a enviárense 172.000 toneladas menos á Areosa en 2015 que en 2009.
Como é posíbel que vertendo e queimando menos residuos (polo efecto da crise, obviamente, non das políticas públidas de redución que son inexistentes), SOGAMA estea a ser máis intensiva na emisión de gases de efeito invernadoiro, situándose entre as primeiras "fábricas de cambio climático" de Galiza?
A baixa eficiencia da incineración, faina equivalente a un vertido
Coas cifras da memoria, tamén vimos de calcular o índice de eficiencia da incineración, que a normativa establece nun mínimo de 0,6 para que o proceso poida ser considerado unha valorización enerxética. De non acadar esta cifra, a incineración equivale a un vertido, e o proceso non sería moi distinto a cando o lixo se queimaba nos vertedoiros.
Pois ben, malia a sermos conservadores na asignación das cifras que figuran na memoria de SOGAMA á fórmula de eficiencia ([Ep-(Ef+Ei)]/ 0,97x(Ew+Ef)]), e a que desoñecemos o consumo de gasoil para levar o lixo en camión e tren dende todo o país a Cerceda (que rabaixarían máis a eficiencia). o resultado é que en ningún ano SOGAMA acada a eficiencia mínima (0,6) que marca a UE para que a súa incineración poida considerarse valorización. Velaí as cifras:
Coas cifras de SOGAMA na man, podemos afirmar que o tratamento "modelo" do que presume a conselleira é terceiro-mundista en cifras de reciclaxe, intensivo na emisión de gases de efecto invernadoiro e fortemente ineficiente (ademais de caro e lesivo para os intereses públicos). O que fai SOGAMA nas súas instalacións non é nin máis nin menos que unha eliminación directa a vertedoiro, e unha eliminación mediante incineración que muda o lixo de fase, transformándoo en gases que contribúen á mudanza climática, ademais de cinzas tóxicas e perigosos velenos como as dioxinas, furanos, PCBs...
Xurde tamén, entre outras, a seguinte pregunta: se SOGAMA elimina por dúas vías, como é que cobra aos concellos a prezo de incineración o que só é un simples vertido dual?