Un referente indispensable cando se fala da memoria en Cuntis é o martir do 36, Xohán Xesús González. Por este motivo, o colectivo de comunicación local alternativa Quinteiro do Umia e a Asociación O Fervedoiro colaboraron para renderlle homenaxe a este loitador. O recordo que ambos colectivos lle adican está titulado Verbo na Arria, composto dun poemario no que
participaron máis de medio cento de persoas coas súas creacións, e un booktrailer, que se presentará no Centro Social Autoxestionado A Comuna este venres a partires das 20.30h.
A achega audiovisual de Quinteiro do Umia foi gravada en distintas localizacións e contou coa participación da veciñanza. Ademais, supón para eles un salto na calidade técnica con respecto aos seus anteriores traballos, xa que inclúe imaxes tomadas cun dron ou a recreación dun xuízo en 1936. O colectivo traballa a partir de agora cun obxectivo máis ambicioso de cara a elaboración posterior dun documental no que afondarán nesta temática.
Xohán Xesus Gonzalez foi peón de canteiro, mestre, xornalista, avogado, escritor e político. Ao estoupar a Guerra Civil marchou con 50 obreiros de Teo (O Terzo de Calo) para tentar defender a legalidade da República en Compostela. Trala ocupación da cidade foi encarcerado e finalmente fusilado en 1936 na tapia do cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela.
Título
Estrea do booktrailer Verbo na arria, homenaxe a Xohán Xesús González
por Quinteiro do Umia
Día
Venres 25 de Novembro de 2016
Hora
A partires das 20.30 horas
Lugar
Centro Social A Comuna
(Verea do Polvorín, 35)