Máis incendios, máis grandes e con máis risco para a poboación. Esa é a evolución nas últimas horas dos lumes forestais que se veñen rexistrando fundamentalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra desde a noite do pasado domingo. Na mañá deste xoves a Situación 2 de alerta, que contempla desaloxos por risco para a poboación, está activa en cinco incendios, en Santiago, Porto do Son, Soutomaior, Avión e Cee, que suman só entre eles máis de 1.700 hectáreas afectadas. Ademais, outros dous incendios rexistrados en Arbo e Crecente suman 500 e 200 hectáreas respectivamente. Estas cifras deixan pequenos os incendios iniciados o luns e xa controlados de Cotobade, Caldas, Mondariz e Soutomaior, que suman unhas 1.100 hectáreas.
De novo, Cotobade. Unha década despois de que este municipio pontevedrés tornase na 'zona cero' da peor vaga de lume en Galicia en dúas décadas, a súa contorna volveu sufrir dende este luns en primeira persoa o ataque das lapas. O incendio que comezaba pouco despois das cinco da tarde na parroquia de Tenorio acabou chegando a Pontevedra e arrasando unhas 365 hectáreas, segundo a última estimación da Xunta. Non moi lonxe, en Caldas de Reis, outro incendio queimaba outras 290 hectáreas, e algo máis ao leste, en Mondariz, un terceiro incendio afectaba a outras 160 hectáreas. En total, xa máis de 800 hectáreas. Nos tres casos desaloxáronse vivendas pola proximidade do lume.
Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.
Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com | Telf: (+34) 717714759